Os celestes encaixaron en dous saques de esquina ao final da primeira metade e principio da segunda
Partido frío en Getafe que se decantou con dúas xogadas a balón parado. O conxunto local acertou en senllos saques de esquina no último minuto da primeira metade e no cinco da segunda. Non tivo o seu día o Celta, que sufriu a súa segunda derrota da tempada.
O Celta, cun aspecto moi diferente ao dos últimos choques, saíu con ganas e chegou con claridade no primeiro minuto. David rematou algo escorado e Moyá desviou o coiro.
O Getafe reaccionou con varias xogadas a balón parado que resolveu con acerto o conxunto vigués, que sufriu un gran infortunio aos 16 minutos. Bellvís abandonou o campo tras un cabezazo contra Diego Castro.
A mellor ocasión nesta fase inicial chegou aos 22 minutos. Gran envío de Krohn-Dehli ao que non chegou Cabral por moi pouco e Moyá atrapou con apuros. O partido era frío, sen dominador e con poucas chegadas, aínda que ao bordo dos 25 minutos de xogo era o Celta o que máis combinaba e lograba crear certo perigo.
Rafinha, aos 32 minutos, non puido culminar unha gran xogada con Jonny desde a banda dereita. Escorregou no último instante, no punto de penalti, e non puido rematar con precisión. Aos 43 minutos, ocasión, a primeira, do Getafe. Sarabia rematou desde a frontal e o coiro saíu preto da escuadra tras rebotar nun defensa. No córner seguinte, minuto 44, cabezazo de Lisandro á rede. A primeira metade finalizou con desvantaxe para o Celta ante un rival que non creara perigo algún.
No arranque da segunda metade, cabezazo lixeiramente desvaído de David tras un centro de Orrellana. O Celta dera un paso á fronte e buscaba desde o primeiro instante o empate. Pero o Getafe volveu marcar de córner. Ao cinco minutos Arroio, con moita fortuna, levou o coiro á rede. Pau para un Celta que vía frustrado o seu intento de reacción cunha nova xogada a balón parado.
O encontro decaeu até a súa conclusión, sen apenas nada reseñable.
FICHA TÉCNICA
2-Getafe: Moyá, Arroyo, Lisandro (Rafa, min.80), Alexis, Roberto Lago, Borja, Mosquera, Diego Castro (Gavilán, min.75), Sarabia, Pedro León e Miku (Colunga, min.70)
0-R.C.Celta: Yoel, Bellvís (Jonny, min.17), David Costas, Cabral, Aurtenetxe, Oubiña, Madinda, Krohn-Dehli (Álex López, min.73), Orellana, Rafinha (Santi Mina, min.59) e David Rodríguez
Goles: 1-0, min.44: Lisandro; 2-0, min.50: Arroyo
Árbitro: González González, do comité castelán leonés. Amonestou a Mosquera, Arroyo, Aurtenetxe
Campo: Alfonso Pérez