valencia
Primeiro Equipo

O Celta suma un empate na súa despedida de Mestalla (0-0)

RC Celta

O Celta arrincou a tempada 2026/27 cun empate en Mestalla, na súa última visita a un estadio histórico que a próxima campaña deixará de ser a casa do conxunto che. Os pupilos de Claudio Giráldez mantiveron a súa aposta polo balón e foron crecendo co paso dos minutos, aínda que lles faltou profundidade para traducir o seu dominio en ocasións.

Aleix Febas e Javi Galán debutaron nun once no que tamén destacou o regreso de Miguel Román á competición oficial. O técnico celeste apostou polas posesións longas e a circulación para impoñer o seu ritmo ante un Valencia máis vertical, que buscou de forma constante os espazos ás costas da defensa. Os locais atoparon aí os seus mellores argumentos e Danjuma tivo a ocasión máis clara da primeira metade, aínda que rematou fóra ante Radu. O Celta controlaba o balón, pero non conseguía transformar ese dominio en perigo.

O escenario cambiou tras o descanso. Os celestes adiantaron liñas, moveron a pelota con maior fluidez e obrigaron ao Valencia a replegarse preto da súa área. O Celta fíxose co control, pero seguiu faltándolle precisión nos últimos metros. A mellor ocasión chegou despois dunha longa combinación que terminou con Williot Swedberg atopando a Marcos Alonso na frontal pero o seu disparo pasou rozando o poste.

No tramo final, o Valencia recuperou algo de presenza e Radu tivo que intervir ante Guido Rodríguez para asegurar un empate co que o Celta estrea o seu casilleiro esta tempada. O vindeiro xoves, 27 de agosto ás 20.30 horas, o conxunto celeste poñerase ao día e recuperará a primeira xornada aprazada ante Osasuna en Abanca Balaídos.

FICHA TÉCNICA:

0 – Valencia CF: Dimitrievski; Jesús Vázquez, Tárrega, Pepelu, De Haas (Diakhaby, min. 46), Gayà (Maffeo, min. 69); Ugrinic, Guido Rodríguez, Ryunosuke Sato (Sadiq, min. 59); Javi Guerra e Danjuma (Hugo Duro, min. 82).

0 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Marcos Alonso; Javi Galán (Iago Aspas, min. 64), Miguel Román, Aleix Febas (Ilaix Moriba, min. 77), Sergio Carreira; Jones El-Abdellaoui (Javi Rueda, min. 64), Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 57) e Ferran Jutglà (Pablo Durán, min. 64).

Árbitro: Jesús Gil (Comité extremeño). Por parte do Celta, amoestou a Sergio Carreira, Javi Rueda e Andrei Radu. Mentres que, por parte dos locais, viron cartón amarelo De Haas e Dimitrievski.

Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada de LaLiga EA Sports disputado no Estadio de Mestalla ante 43.684 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Vicente Silla Alandi, exconsejero do Valencia, e dos valencianistas falecidos durante a pasada tempada.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas