O Celta comezou a tempada cunha dolorosa derrota na casa ante un rochoso Getafe. Un inicio da competición oficial marcado pola emotiva homenaxe que ambos clubs quixeron facerlle a todas as persoas afectadas pola tráxica vaga de lumes que está a arrasar o noso país. Dor, rabia e toda a forza do mundo para que esta pesadelo remate canto antes.
Xa co balón rodando no terreo de xogo, o conxunto de Claudio Giráldez comezou con enerxía, dominando no campo rival e asediando un Getafe que optou por unha táctica defensiva con todos os seus xogadores por detrás do balón. Porén, co paso dos minutos, o Celta foi cedendo terreo e o conxunto de Bordalás foise estirando, endureceu o seu estilo de xogo e acabou marcando o ritmo con constantes perdas de tempo. Unha estratexia que deu os seus froitos cando, xa na segunda metade, o Getafe aproveitou dúas rápidas contras para sentenciar o encontro, deixando ao Celta con poucas opcións de reacción. A pesar de todo, o conxunto celeste continuou loitando até o asubío final e, aínda que Iago Aspas tivo tres boas ocasións para empatar o partido, non conseguiu derrubar o muro de David Soria.
FICHA TÉCNICA:
0 – Celta: Radu, Javi Rodríguez, Yoel Lago (Pablo Durán, min. 82), Marcos Alonso, Óscar Mingueza, Fran Beltrán (Bryan Zaragoza, min. 57), Ilaix Moriba, Mihailo Ristic, (Hugo Sotelo, min. 57), Iago Aspas, Ferran Jutglá (Borja Iglesias, min. 67), Williot Swedberg (Jones El-Abdellaoui, min. 57).
2 – Getafe CF: David Soria, Ismael Bekhoucha, Juan Iglesias, Djené, Diego Rico, Davinchi, Luis Milla, Mario Martín, Arambarri, Adrián Liso (Álex Sola, min. 78), Uche.
Goles: 0-1 Liso, min. 47. 0-2 Uche, min. 71.
Árbitro: Iosu Galech (comité navarro). Do Celta, amonestou a Williot Swedberg (min. 55) , Javi Rodríguez (min. 86) e Marcos Alonso (min. 89). Mentres que por parte do Getafe veron cartón amarelo Uche (min. 45) e David Soria (min. 80).
Incidencias: Encontro correspondente á primeira xornada de LaLiga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 20.530 espectadores.