Primeiro Equipo

O primeiro equipo recupera aos seus internacionais

RC Celta

jonny-ruben-madroa-110914.jpg

Os Sub-21 Jonny, Rubén, Sergi Gómez e Radoja incorporáronse esta mañá aos adestramentos

 

O primeiro equipo continúa recuperando xogadores. Os Sub-21 Jonny, Rubén, Sergi Gómez e Radoja incorporáronse esta mañá aos adestramentos co grupo tras cumprir cos seus respectivos compromisos coas seleccións de España e Serbia. O danés Michael Krohn-Dehli e o arxentino Augusto Fernández foron os primeiros internacionais en reintegrarse á disciplina céltica, mentres que Orellana viaxa de regreso a Vigo este xoves e Levy Madinda o venres.

 

Augusto

Augusto Fernández regresou a unha convocatoria da selección Arxentina para reeditar a final do Mundial de Brasil ante Alemaña. A albiceleste mediuse ao combinado xermano en Dusseldorf, un encontro no que Augusto disputou a segunda parte completa, colaborando na elaboración dun dos tantos arxentinos. O partido resolveuse cun 2-4 a favor de Arxentina.

 

A nota negativa foi a lesión do centrocampista celeste, quen sufriu unha rotura fibrilar de grao II no aductor esquerdo. O xogador céltico manterá traballo de recuperación ata recibir a alta médica, previsiblemente en 3-4 semanas. Esta mañá comezou a realizar carreira continua, indicativo de que progresa adecuadamente.

 

Krohn-Dehli

Krohn-Dehli viviu desde o banco o amigable da selección de Dinamarca ante Turquía, encontro disputado na cidade danesa de Odense e que finalizou con vitoria do conxunto otomán (1-2).

 

O xogador celeste si contou con protagonismo no seguinte partido de Dinamarca, celebrado en Copenhague, un encontro clasificatorio para a próxima Eurocopa no que os nórdicos se toparon cunha esixente Armenia. Krohn-Dehli xogou o partido completo, deixou mostras da súa calidade e anotou un gol que foi anulado por fóra de xogo. O choque terminou cun triunfo pola mínima para os locais (2-1).

 

Jonny, Rubén e Sergi Gómez

O Celta foi o club que máis xogadores achegou á selección española Sub-21 na súa última convocatoria. Sergi Gómez e os canteiráns Jonny e Rubén acudiron á chamada do seleccionador Albert Celades para participar en dous partidos clasificatorios para a próxima Eurocopa da categoría. España venceu no seu primeiro compromiso a Hungría por 0-1, resultado co que asegura a súa presenza nos playoffs finais, mentres que en seguinte partido, ante Austria, só puido colleitar un empate a uns.

 

Sergi Gómez foi titular e completou os 90 minutos do Hungría-España, mentres que Jonny e Rubén estiveron no banco na que era a súa primeira convocatoria coa Sub-21. No envite ante Austria o canteirán celeste Jonny foi o elixido para ocupar o posto de lateral dereito de inicio e ata o asubío final, mentres que Sergi Gómez entrou ao terreo de xogo no minuto 54 e Rubén exerceu de gardameta suplente.

 

Radoja

Radoja foi convocado pola Sub-21 de Serbia para dous partidos clasificatorios para a Eurocopa. A localidade italiana de Pescase acolleu o primeiro dos partidos, ante Italia, encontro no que o centrocampista celeste non contou con minutos e que finalizou cun 3-2 a favor da azzurra.

 

Radoja si puido participar no compromiso ante Irlanda do Norte, celebrado en Portadown, cidade do país británico. O céltico xogou de inicio e axudou á súa selección a conseguir un valioso triunfo por 1-4 que lles clasifica para os playoffs finais.

 

Orellana

Fabián Orellana desprazouse a EEUU coa selección de Chile para disputar dous amigables: ante México en California e ante Haití en Miami. O céltico permaneceu no banco no 0-0 ante o combinado mexicano, pero tivo a súa oportunidade no choque ante Haití, no que foi titular e axudou a conseguir un triunfo por 1-0. Orellana foi sustituído no minuto 56.

 

Madinda

Levy Madinda xa é un habitual nas convocatorias de Gabón. O canteirán celeste foi titular nos dous partidos que disputou a súa selección, ambos os clasificatorios para a Copa de África 2015. Gabón venceu no primeiro partido a Angola por 1-0, mentres que no segundo, ante Lesotho, as panteras lograron un empate nos minutos finais grazas a un gran gol do centrocampista céltico. O partido finalizou 1-1.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas