O ataque do RC Celta recibe unha boa suma de goles coa incorporación do dianteiro Gabriel Fernández (Montevideo, 13 de maio de 1994), xoven ariete uruguaio procedente de Peñarol que asina por cinco tempadas. O ‘Toro’, como así lle alcuman, é un atacante de gran envergadura que manexa con precisión ambas pernas e que destaca pola súa eficacia de cara a portaría.
O dianteiro acumula unha dilatada experiencia na liga do seu país, onde disputou máis dun centenar de partidos. Tamén participou na Copa Liberadores.
Nos dous últimos campionatos uruguaios disputou vinte e catro partidos nos que anotou catorce goles e repartiu cinco asistencias que serviron para que Peñarol levase ambos títulos. Ademais, no seu palmarés acumula dúas distincións como mellor xogador do mes e foi incluído no once de ideal da liga charrúa en 2018, da que foi máximo goleador.
O novo atacante celeste, que lucirá o dorsal 19 na súa camiseta será presentado este venres ás 19.00 horas en Abanca Balaídos e os afeccionados poderán acceder á bancada de Tribuna Baixa polas portas 3 e 8. Ao finalizar, Gabriel Fernández asinará autógrafos aos seguidores sobre o céspede.