Non é un equipo cunha estatura media elevada nin moito menos, pero si tremendamente eficiente na defensa das xogadas de estratexia. O RC Celta compensa a falta de altura do plantel cun arduo traballo nos adestramentos e un desempeño formidable nos partidos.
O conxunto celeste é o equipo da Liga que menos goles encaixou a balón parado. Os celestes só recibiron catro goles en estratexia durante a presente tempada e acumulan xa 16 partidos consecutivos sen encaixar tantos a balón parado.
É un dato que pon en valor tanto o traballo realizado nas sesións preparatorias como a concentración e o esforzo dos xogadores na defensa deste tipo de xogadas, que noutras épocas supoñían un gran problema para o equipo celeste.
O RC Celta é o duodécimo conxunto de LaLiga que máis xogadas de estratexia sofre en contra e o que maior porcentaxe de éxito na defensa deste tipo de xogadas: un 98,7 por cento.