XVA07331
Primeiro Equipo

O RC Celta queda ás portas do empate ante o Athletic Club (1-2)

RC Celta

Abanca Balaídos volveu abrir as súas portas para acoller a xornada número 20 de LALIGA EA SPORTS, a primeira que se disputa en casa neste 2025, nun día marcado polo intenso frío, a choiva e o vento que apenas deron tregua ao longo dos 90 minutos do encontro. Un encontro que arrincaba cun sentido e emotivo minuto de silencio en memoria de todos os celtistas que nos deixaron ao longo do 2024.

O RC Celta saltaba ao terreo de xogo cunha aliñación completamente renovada tras o intenso partido de Copa do Rey do pasado xoves. Sete canteiráns partían de inicio, entre eles, Yoel Lago que acumula a súa segunda titularidade nesta competición e a primeira desta tempada.

Nos primeiros compases do encontro, o Athletic Club fíxose rapidamente co dominio, controlando as accións ofensivas. Mentres que, o conxunto de Claudio Giráldez trataba de xerar ocasións con Pablo Durán como gran referente en ataque, moi activo na súa posición e que trataría de romper o equilibrio no marcador cun tiro dende lonxe que non terminou de atopar portería. Por outra banda, as arremetidas de Borja Iglesias e Williot Swedberg toparíanse coa zaga bilbaína. Unha primeira parte con moita intención pero pouca definición tamén no conxunto de Ernesto Valverde sendo a súa mellor ocasión un centro de Nico Williams que terminaría desviando Vicente Guaita.

Na segunda metade, o Celta foi gañando confianza e posesión sobre o terreo de xogo, pero un erro na saída de balón desencadearía unha potente contra de Iñaki Williams na que, nun primeiro intento topouse co gardameta celeste, pero o rexeite sería aproveitado por Berenguer para poñer por diante aos leóns no marcador. Pouco despois, o Athletic volvía beneficiarse dun despexe erróneo e Vivian aumentaba a vantaxe para os vascos.

Un duro golpe para o conxunto celeste que en ningún momento baixou os brazos e continuaba pelexando para meterse no partido. Sería Hugo Álvarez o que con bastante perspicacia roubou un balón na frontal da área e acurtou distancias cun disparo raso que lograba bater a Unai Simón. Co tempo en contra, o Celta seguiu loitando, buscando o empate pero a falta de claridade nos últimos metros e a contundencia da defensa do Athletic impediron unha remontada que estivo moi preto para os celestes.

Un partido complicado que pecha unha semana moi intensa tanto deportiva como mentalmente para os xogadores do RC Celta que se enfrontaron a dous rivais de moita calidade técnica e táctica. Pero unha semana tamén da que se poden sacar moitas reflexións positivas sobre todo a competitividade demostrada por todos os xogadores, a mocidade e determinación dos canteiráns e ese espírito de equipo que ante a adversidade faise cada vez máis forte.

O RC Celta volverá loitar por alcanzar a vitoria o vindeiro luns, 27 de xaneiro, ás 21:00h. ante o Deportivo Alavés no estadio de Mendizorroza.

FICHA TÉCNICA:

1 – RC Celta: Vicente Guaita; Javi Rodríguez (Javier Manquillo, min. 69), Yoel Lago, Carlos Domínguez; Sergio Carreira, Fran Beltrán (Ilaix Moriba, min. 63), Hugo Sotelo, Cervi (Óscar Mingueza, min. 46); Pablo Durán, Borja Iglesias (Tasos Douvikas, min. 69) e Williot Swedberg (Hugo Álvarez, min. 46)

2 – Athletic Club: Unai Simón; Gorosabel, Vivian, Yeray, Adama; De Galarreta (Jaureguizar, min. 67), Prados, Unai Gómez (Vesga, min. 82), Iñaki Williams (De Marcos, min. 89), Nico Williams (Yuri, min. 89) e Berenguer (Guruzeta, min. 82).

Goles: 0-1, m. 62: Berenguer. 0-2, m. 70: Vivian. 1-2, m. 74: Hugo Álvarez.

Árbitro: Ortiz Arias (comité madrileño). Amoestou con tarxeta amarela a Ilaix Moriba (min. 59) e sancionou con tarxeta vermella a Óscar Mingueza ao termo do partido por protestar.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Abanca Balaídos ante 22.279 espectadores. Ao comezo do encontro gardouse un minuto de silencio en memoria de todos os celtistas falecidos durante o ano 2024.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas