MINIATURA RESUMEN 16X9
Primeiro Equipo

O RC Celta reina na casa e Abanca Balaídos volve ser unha festa (3-1)

RC Celta

O RC Celta segue reinando en casa e consegue a súa terceira vitoria consecutiva en Abanca Balaídos ante o Real Valladolid.

O encontro comezaba coa homenaxe do club ao celtista, Martín de la Puente, polo seu éxito nos Xogos Paraolímpicos de París 2024 onde conseguiu a medalla de bronce en tenis adaptado. Unha ovación dun estadio abarrotado, con máis de 21.500 afeccionados, que recoñecía orgulloso ao deportista que emocionado realizaba o saque de honra.

O partido estivo dominado na súa totalidade polo conxunto celeste no que debutaba como titular en Primeira División, Pablo Durán. O canteirán, que demostrou un despregamento físico espectacular, tivo a primeira ocasión do encontro cun cabezazo que se ía fora pegado ao pau. No minuto 22, sería o canteirán, Hugo Álvarez quen subiría o primeiro tanto ao marcador cun disparo coa zurda que se ía directo ao fondo da rede.

Apertaba o Celta, sentíase cómodo, estaba na casa e o equipo quería máis ante os intentos desesperados do Real Valladolid por tentar controlar o partido. Pero, no 36 chegaría o segundo tanto do conxunto vigués. Borja Iglesias anotaba o seu primeiro gol en Abanca Balaídos tras un rexeite que se lle escapaba a Hein e que aproveitaba o Panda.

Na segunda parte, o equipo valisoletano conseguía acurtar distancias cun gol de Raúl Mouro, no minuto 50, tras unha acción rápida pola banda. Nese momento, o Valladolid viñase arriba e trataba de poñer contra as cordas aos de Claudio Giráldez que non cederon e continuaron dominando o encontro. No minuto 81, o colexiado Hernández Maeso expulsaba ao xogador do Valladolid, Mario Martín, tras unha dura entrado sobre Williot. Tres minutos despois, tras unha xogada ensaiada, Javi Rodríguez marcaba o 3-1 que finalmente non subía ao marcador ao considerar o árbitro que había fora de xogo. Finalmente, sería ao bordo do asubío final, cando Tasos Douvikas sentenciaba o encontro anotando o terceiro tras un pase de Iago Aspas.

FICHA TÉCNICA:

3 – RC Celta: Vicente Guaita; Javi Rodríguez (Aidoo, min.88), Jailson (Marcos Alonso, min.75), Starfelt; Óscar Mingueza, Fran Beltrán, Hugo Sotelo (Damián, min.68), Hugo Álvarez; Iago Aspas, Pablo Durán (Williot Swedberg, min.75) e Borja Iglesias (Douvikas, min.68).
1 – Real Valladolid:  Hein; Luis Pérez, Cömert (Juric, min.63), Cenk, Lucas Rosa; Amallah (Kenedy, min.86), Mario Martín, Kike Pérez (Víctor Meseguer, min.46); Chuki (Iván Sánchez, min.46), Amath (Raúl Moro, min.46) e Latasa.
Goles: 1-0, m.21: Hugo Álvarez; 2-0, m.35: Borja Iglesias; 2-1; Moro, m.50; 3-1, m.91: Tasos Douvikas.
Árbitro: Hernández Maeso (Comité estremeño). Expulsou con tarxeta vermella directa a Mario Martín (min.81) por unha dura entrada sobre Williot Swedberg. Ademais, amoestou a Hugo Álvarez (min.41), Hugo Sotelo (min.60), Javi Rodríguez (min.66) por parte do RC Celta, e a Lucas Rosa (min.40), Chuki (min.45), Amallah (min.54), Juric (min.83), Latasa (min.86) por parte do Real Valladolid.
Incidencias: Encontro correspondente á quinta xornada de LALIGA EA SPORTS ante 21.670 espectadores en Abanca Balaídos.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas