O RC Celta sufriu unha dolorosa derrota ante o Valencia CF na xornada 22 de LaLiga EA Sports disputada no estadio de Mestalla. A falta de contundencia no último terzo condenaron ao conxunto celeste que se desmoronou tras o gol de Javi Guerra a poucos minutos do empate.
O Celta saltaba ao campo coa clara convicción de impoñer o seu xogo desde o inicio e é que a primeira chegada clara protagonizárona os celestes. Pablo Durán filtraba un pase medido para Borja Iglesias pero o remate terminouse topando co lateral da rede. Primeiro aviso nun partido no que os de Claudio Giráldez parecían cómodos no campo pero no que non lograban romper a liña defensiva dun Valencia que, a pesar de ter menos control do balón, conseguía facer máis dano.
A escasos minutos do descanso, o conxunto Che lograba adiantarse no marcador tras un contraataque no que Luis Rioja chegaba ao bordo da área con vantaxe e lograba enviar o balón ao fondo das mallas.
No inicio da segunda metade, o Celta seguía dominando o partido e tentaba reaccionar ante o resultado adverso pero as ocasións desvanecíanse sen xerar grandes sobresaltos á defensa do conxunto local. A mellor acción tívoa Alfon quen, escasos minutos despois de entrar ao terreo de xogo, tivo a oportunidade de igualar o encontro cun disparo desde a frontal da área que lograba desviar Mamardashvili. Sería no minuto 65, cando Pablo Durán aproveitou unha asistencia medida de Sergio Carreira para enviar o esférico axustadísimo ao segundo pau batendo ao porteiro xeorxiano. Un tanto que parecía darlle aire e emoción ao encontro pero a alegría durou pouco. Aos tres minutos, o Valencia volvía poñerse por diante no marcador cun gol de Javi Guerra que se penetraba pola escuadra da portería de Vicente Guaita.
Durante o tempo restante, o Celta trataba de manter o dominio do xogo pero a falta de acerto fronte ao gol e o despregamento defensivo do conxunto valenciano truncaron a posibilidade de empatar o encontro.
A próxima cita do RC Celta na competición será o sábado, 8 de febreiro ás 14:00h, ante o Real Betis Balompié no estadio Abanca Balaídos.
FICHA TÉCNICA:
2 – Valencia CF: Mamardashvili, Foulquier (Diakhaby, min. 80), Cristhian Mosquera, César Tárrega, Gayà, Enzo Barrenechea (Hugo Guillamón, min. 86), Javi Guerra (Pepelu, min. 80), Diego López (Fran Pérez, min. 86), Luis Rioja, André Almeida e Hugo Duro (Sadiq, min. 66).
1 – RC Celta: Vicente Guaita, Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Carlos Domínguez (Fer López, min. 86), Fran Beltrán (Damián Rodríguez, min. 58), Ilaix Moriba, Sergio Carreira, Franco Cervi (Tasos Douvikas, min. 70), Pablo Durán, Williot Swedberg (Iker Losada, min. 70) e Borja Iglesias (Alfon, min. 58).
Goles: 1-0, min. 44: Luis Rioja. 1-1, min. 65: Pablo Durán. 2-1, min. 68: Javi Guerra.
Árbitro: González Fortes (comité asturiano). Por parte do RC Celta, amoestou con tarxeta amarela a Ilaix Moriba e a Carl Starfelt. Mentres que do conxunto local, foi amoestado Enzo Barrenechea.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de Mestalla ante 42.273 espectadores.