O RC Celta volve apostar por Galicia para realizar o groso da súa pretemporada. A conta atrás para volver ver aos futbolistas do primeiro equipo sobre o céspede xa comezou e a primeira toma de contacto será o vindeiro luns 8 de xullo en A Madroa, onde permanecerán unha semana.
Do mesmo xeito que ocorreu o pasado verán, A Toxa volverá acoller o primeiro stage do verán. O ‘Hotel Eurostars Illa da Toja’ será de novo o cuartel xeral dos futbolistas de Fran Escribá desde o domingo 14 de xullo até o sábado 20 de xullo. Sete días nos que o primeiro equipo exercitarase no estadio do Portonovo SD -Campo de Baltar- e en resto de instalacións e enclaves únicos que ofrecen o hotel e a illa.
O resto da pretemporada, fora dalgúns amigables que o equipo dispute no estranxeiro, celebrarase en Vigo. A aposta do RC Celta por Galicia para realizar a súa preparación de cara a unha ilusionante tempada responde o desexo de pór en valor o potencial e as virtudes que ofrece a comunidade galega.
Ademais, Abanca Balaídos vivirá o vindeiro sábado 10 de agosto a presentación do equipo antes da disputa do Trofeo Memorial Quinocho, que terá como rival á SS Lazio, flamante vencedor da Copa de Italia.