Iago Aspas e Maxi Gómez, unha das parellas máis letais da tempada en Primeira División, forman parte do once ideal da xornada 38 de LaLiga, último da 2017/18. Os dobretes marcados por ambos os dianteiros ante o Levante, fixéronlles merecedores deste recoñecemento.
Ademais, os dous futbolistas celestes foron seleccionados pola web oficial da UEFA. O de Moaña aparece no once ideal de LaLiga, mentres que o charrúa faino no once revelación da tempada en Primeira División.
Estes recoñecementos anúncianse días despois de que Iago Aspas certificase o seu segundo Trofeo Zarra consecutivo como máximo goleador nacional e no día no que o canteirán celeste foi convocado pola Selección Española para o Mundial de Rusia. Maxi Gómez tamén foi chamado pola súa selección, aínda que no caso de Uruguai aínda non se coñece a lista definitiva.