
O Celta sumou un punto na súa visita ao RCD Espanyol tras empatar 2-2 no RCDE Stadium. Os celestes adiantáronse na primeira parte por medio de Ferran Jutglà e levaron o peso do encontro durante moitos minutos, pero tiveron que remar ata o final para rescatar o empate no tempo engadido grazas a un gol de Borja Iglesias.
O equipo de Claudio Giráldez saíu decidido desde o inicio e, tras varias combinacións ben trenzadas e unha maior presenza en campo rival, atopou o premio no minuto 38. Ferran Jutglà, tras recibir un pase de Javi Rueda, culminou unha boa acción colectiva para abrir o marcador. Con vantaxe no electrónico, o Celta soubo xestionar os minutos finais do primeiro acto e marchouse ao descanso con control do xogo e sensacións positivas, a pesar do empuxe do conxunto local.
Na segunda metade, o partido descontroleouse. O Espanyol aumentou un pouco a intensidade e logrou igualar o encontro no 66’ cun disparo de Kike García. Co partido aberto e a bancada volcada, o Celta buscou de novo poñerse por diante e chegou a celebralo por medio de Borja Iglesias, pero o tanto foi anulado por fóra de xogo tras a revisión do VAR. A pesar da decisión arbitral e dun erro na defensa local que permitiu a Dolan adiantarse ao Espanyol no 86’, os celestes seguiron insistindo, agora obrigados a buscar a reacción no desconto. Esta chegou no minuto 93, grazas a un tacón preciso de Pablo Durán dentro da área, que permitiu a Borja Iglesias asinar o empate definitivo e selar un reparto de puntos traballado.
O Celta regresa agora a Vigo coa sensación de ter merecido máis nun escenario esixente. Pero sen tempo para lamentacións, toca centrarse no próximo compromiso europeo ante o PAOK FC, antes de volver á LaLiga o domingo ás 18:30 h en Abanca Balaídos fronte ao RCD Mallorca.
FICHA TÉCNICA:
2 – RCD Espanyol: Dmitrovic; El Hilali, Riedel, Cabrera, Carlos Romero; Pickel (Dolan, min.56), Pol Lozano; Ngonge (Kike García, min.56), Edu Expósito (Urko, min.56), Pere Milla (Jofre, min.72) e Roberto Fernández (Terrats, min.83).
2 – Celta: Radu; Javi Rodríguez (Iago Aspas, min.87), Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Mingueza, min.70), Miguel Román (Vecino, min.88), Fer López, Carreira; Jutglà (Ilaix Moriba, min.70), Borja Iglesias e Swedberg (Pablo Durán, min.70).
Goles: 0-1, min.38: Jutglà; 1-1, min.66: Kike García; 2-1, min.85: Dolan; 2-2, min.93: Borja Iglesias.
Árbitro: Cuadra Fernández (comité balear). Amonestou a Cabrera (min.94).
Incidencias: Partido da vixésima cuarta xornada da LALIGA EA SPORTS disputado no RCDE Stadium ante 27.368 espectadores. Ambos equipos saíron ao terreo de xogo acompañados por nenos convalecentes de cancro con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil, que se celebra o próximo 15 de febreiro. Este encontro supuxo tamén o debut de Matías Vecino como xogador do conxunto celeste.