O Celta conseguiu empatar 1-1 ante a Real Sociedad en Abanca Balaídos, nun partido no que os celestes souberon imporse na primeira metade e resistiron con dez xogadores durante gran parte do segundo acto para finalmente sufrir o empate no minuto 89.
Os celestes arrancaron con ambición e pronto atoparon recompensa. No minuto 20, unha boa xogada colectiva permitiu que Pablo Durán batese a portaría rival para poñer ao Celta por diante. O equipo de Claudio Giráldez amosou intensidade, fluidez no xogo ofensivo e presión no medio campo, o que xerou opcións de ampliar a vantaxe. Con todo, xusto ao fío do descanso, Carl Starfelt viu a segunda tarxeta amarela e deixou aos locais con dez, circunstancia que condicionaría toda a segunda metade.
Con un menos sobre o céspede, o Celta deu un paso atrás e aferrouse ao orde táctico en varios momentos. A Real Sociedad tomou o control do xogo, pero a zaga celeste respondeu con solidez e Andrei Radu sostivo ao equipo con intervencións decisivas. A pesar diso, nos últimos minutos, nunha acción de centro pechado, Carlos Soler rematou para establecer o 1-1 definitivo ante un Celta que non puido remontar.
Aínda que o punto sabe algo agridoce, o equipo valora a capacidade de sobrepoñerse a unha expulsión e manter a vantaxe durante gran parte do encontro. Agora, con este novo empate a un, os celestes céntranse xa no seu seguinte encontro, que terá lugar o xoves ante o Niza. En canto a LALIGA EA SPORTS, o Celta volverá o próximo domingo 26 ante o Osasuna, nesta ocasión fóra de casa.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Mingueza (Javi Rueda, min.53), Moriba, Hugo Sotelo (Carlos Domínguez, min.46), Carreira; Pablo Durán (Fran Beltrán, min.85), Jutglà (Jones, min.69) e Borja Iglesias (Hugo Álvarez, min.53).
1 – Real Sociedad: Remiro, Aramburu (Karrikaburu, min.76), Zubeldia, Caleta-Car, Aihen (Guedes, min.66); Brais Méndez (Carlos Soler, min.66), Yangel Herrera (Marín, min.56), Gorrotxa, Sergio Gómez; Barrenetxea (Zakharyan, min.76) e Oyarzabal.
Goles: 1-0, m.20: Pablo Durán. 1-1, m.89: Soler.
Árbitro: Juan Martínez (comité valenciano). Expulsou a Starfelt (min.45) por doble amonestación. Ademais, mostrou cartón amarelo a Javi Rueda (min.56) e a Ilaix Moriba (min.94) por parte do Celta, e a Sergio Gómez (min.33), Zubeldia (min.37) e Yangel Herrera (min.45) por parte da Real Sociedad.
Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 9 de LALIGA EA SPORTS disputado en Abanca Balaídos ante 19.02 espectadores. Antes do inicio do partido respectouse un minuto de silencio polo falecemento do exfutbolista do Celta José Manuel Espinosa.