Os centrocampistas Fran Beltrán e Stanislav Lobotka xa preparan o próximo partido ante a Granada (domingo, 16:00, Abanca Balaídos) baixo as ordes de Fran Escribá. Os dous futbolistas reincorporáronse este mércores aos adestramentos na Madroa tras completar os seus compromisos internacionais.
Beltrán foi titular onte martes coa Selección Española na vitoria 2-0 ante Montenegro, completando 74 minutos sobre o terreo de xogo. Tamén participou na vitoria 0-1 fronte a Kazajistán do pasado venres, un encontro no que disputou os últimos 18 minutos. Ambos encontros eran clasificatorios para o próximo Europeo Sub-21.
Pola súa banda, Lobotka completou os dous partidos xogados por Eslovaquia neste parón de seleccións. O combinado eslovaco recibiu unha goleada ante Croacia (0-4) e resarciuse cun triunfo ante Hungría (1-2), un enfrontamento no que o mediocentro céltico asinou unha asistencia no segundo gol da súa selección. Os dous choques eran puntuables para a clasificación á Eurocopa de 2020.
O último internacional celeste en regresar a Vigo será Néstor Araujo. O defensa non participou na vitoria mexicana ante EEUU (0-3) e disputou 90 minutos no amigable contra Arxentina, partido no que México sufriu un 4-0 en contra.