Primeiro Equipo

Os xogadores do Celta completan os seus compromisos internacionais

RC Celta

celta-world

 

Os internacionais celestes cumpriron cos compromisos das súas seleccións nacionais. Ata 7 futbolistas do primeiro equipo céltico foron convocados para participar en distintos compromisos: Nolito (España), Guidetti (Suecia), Wass (Dinamarca), Madinda (Gabón), Orellana (Chile), Bongonda (Bélxica Sub-21) e Jonny (España Sub-21). O canteirán Jonny, con molestias, e Bongonda foron os únicos que non puideron gozar de minutos.

 

Nolito, Guidetti, Wass, Madinda e Bongonda xa se incorporaron aos adestramentos do equipo na Madroa, mentres que este xoves será a quenda de Jonny e Orellana.

 

NOLITO (ESPAÑA)

O dianteiro causou sensación coa Selección Española, coa que disputou dous importantes encontros clasificatorios para a Eurocopa. O combinado español asegurouse o seu billete para o torneo continental no primeiro choque ante Luxemburgo, un partido no que España anotou 4 tantos e mantivo a súa portaría a cero. Nolito entrou ao terreo de xogo no minuto 76 do segundo tempo, en substitución de Pedro, e deixou bos detalles. As boas sensacións do andaluz referendáronse no seguinte partido, ante Ucraína. O atacante celeste despregou o seu repertorio de calidade durante os 74 minutos que xogou. Das súas botas naceu o primeiro tanto, un pase maxistral entre liñas para Thiago quen deixou o gol en bandexa a Mario Gaspar, única diana da velada. Nolito xustificou a súa presenza na absoluta a poucos meses da Eurocopa.

 

GUIDETTI (SUECIA)

John Guidetti colleitou encomios no seu regreso á absoluta de Suecia tres anos despois. O combinado sueco afrontaba dous partidos vitais de cara a clasificarse para a Eurocopa 2016. Suecia venceu a Liechtenstein por 0 a 2 co dianteiro céltico sobre o terreo de xogo durante a última media hora. No seguinte partido, ante Moldavia, os nórdicos non fallaron e repetiron resultado, pero as dúas vitorias non foron suficientes e Suecia terá que acudir á repesca. Guidetti asinou un gran partido ante Moldavia. Moi activo durante os 90 minutos, o celeste enviou un disparo á madeira e asinou a asistencia no segundo tanto.

 

WASS (DINAMARCA)

Non foi unha boa semana para os futbolistas nórdicos do RC Celta. A Dinamarca de Daniel Wass xogábase o seu pase á Eurocopa ante Portugal e Francia e, tras perder ante ambas as seleccións, deberá acudir á repesca, na que o centrocampista danés podería atoparse co seu compañeiro de vestiario John Guidetti. Wass disputou os 90 minutos ante o cuadro francés e viu o choque ante Portugal desde o banco.

 

ORELLANA (CHILE)

Chile triunfou nos seus dous partidos de clasificación para a Copa do Mundo 2018. No primeiro deles derrotou a Brasil por 2 a 0 e no segundo a Perú por 3 a 4. Orellana xogou os últimos minutos do choque ante o combinado peruano.

 

MADINDA (GABÓN)
O canteirán Levy Madinda participou nos amigables que Gabón afrontou ante Tunes e Congo. O celeste entrou mediada a segunda parte do empate a tres goles ante o cuardo tunisiano e recuperou a súa habitual titularidade con ‘As Panteras’ no encontro ante Congo, partido que finalizou con derrota dos gaboneses por 2 goles a 1.

 

BONGONDA (BÉLXICA SUB-21)
Bongonda non dispuxo de minutos no seu regreso á Sub-21 belga. O equipo nacional do mozo atacante celeste superou 2-0 a Malta nun partido puntuable para a Eurocopa 2017 da categoría.

JONNY (ESPAÑA SUB-21)
Por mor dunhas molestias físicas leves, o canteirán vigués Jonny Otto non puido participar na goleada a Malta (2-5) nin no empate ante Suecia (1-1), dous partidos clasificatorios para a Eurocopa Sub-21 de 2017.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas