16-9
Primeiro Equipo

Pablo Durán renova co Celta ata o 2028

RC Celta

Pablo Durán amplía a súa vinculación co Celta ata 2028. O dianteiro, natural de Tomiño, seguirá defendendo o escudo celeste durante polo menos dúas tempadas máis.

Desde a súa chegada ao Celta Fortuna en 2022, Pablo foi derrubando portas ata gañarse con todo merecemento un sitio no primeiro equipo. A súa traxectoria é o reflexo do esforzo, traballo e sacrificio que enchen de orgullo ao Celta e que pon o foco no talento da casa.

Na súa primeira tempada como celeste, debutaba en Laliga ante o UD Almería, pero non sería ata a pasada campaña cando se producía a súa irrupción definitiva na elite. “O búfalo de Tomiño” respondía cun rendemento inmediato, asinando 6 goles e 6 asistencias entre LaLiga e a Copa do Rey.

Ao longo deste curso, o mozo atacante deu continuidade a ese crecemento e xa acumula máis de 1.500 minutos, nos que suma 5 tantos e 2 asistencias entre LaLiga, Copa do Rey e Europa League. As súas calidades físicas e ambición deportiva convérteno nun xogador cunha gran proxección dentro do esquema de Claudio Giráldez.

Traballador, constante e comprometido, Pablo Durán encarna á perfección os valores de esforzo, identidade e sentimento de pertenza que definen ao Celta. A súa continuidade non só reforza o proxecto deportivo do club, senón que tamén é un motivo de orgullo para toda a familia celeste.

Parabéns, Pablo!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas