O Celta completou a súa última proba de pretempada cunha vitoria traballada na súa visita ao Wolverhampton (0-1), nun encontro no que o conxunto vigués se amosou con ideas claras.
Desde o asubío inicial viúse un equipo ben organizado e con personalidade, que apostou por unha posta en escena marcada por unha presión efectiva e transicións ben executadas. Porén, os celestes non atoparon o gol no primeiro tempo.
O tanto que decidiu o encontro chegou tras o descanso, nunha acción ben trenzada entre Iago Aspas e Fran Beltrán, que Pablo Durán transformou en vantaxe cunha gran definición dentro da área. Foi o premio a un partido serio do Celta, que soubo adaptarse ao ritmo e á esixencia do rival sen perder o seu estilo.
Nesta segunda metade tamén contou con minutos o recentemente incorporado Bryan Zaragoza, quen sumou os seus primeiros momentos coa camisola celeste.
Co marcador a favor, os vigueses xestionaron o tramo final sen sobresaltos, mantendo a concentración e evitando que o equipo inglés atopase espazos.
A vitoria, máis alá do resultado, confirma a evolución do equipo durante a preparación estival e deixa o vestiario preparado para afrontar con confianza o inicio da LaLiga, que terá lugar o vindeiro domingo en Abanca Balaídos fronte ao Getafe CF.
FICHA TÉCNICA:
0 – Wolverhampton: Sa; Hoever, Doherty, Agbadou, Toti; Wolfe, Joao Gomes; Andre, Arias, Fer López e Larsen. Tamén xogaron: Hugo Bueno, Munetsi, Rodrigo Gomes, Bellegarde, Santiago Bueno, Hwang, Mosquera e Kalajdzic. Adestrador: Vítor Pereira.
1 – Celta: Radu; Starfelt, Manu Fernández, Marcos Alonso; Javi Rueda, Beltrán, Moriba, Mingueza; Iago Aspas, Jutglà e Pablo Durán. Tamén xogaron: Bryan Zaragoza, Ristic, Jones El-Abdellaoui, Damián, Hugo Sotelo, Javi Rodríguez, Miguel Román, Carlos Domínguez, Yoel Lago, Sergio Carreira e Hugo Álvarez. Adestrador: Claudio Giráldez.
Goles: 0-1. 57′ Pablo Durán.
Árbitro: Leigh Doughty. Mostrou cartón amarelo a Hugo Bueno (61′) e Moriba (70′).
Incidencias: Último partido da pretempada 25/26 do Celta disputado no Molineux Stadium.