O internacional danés Pione Sisto foi presentado esta tarde no estadio de Balaídos ante a afección celeste, que acudiu en gran número para dar a benvida ao atacante do RC Celta. Sisto, quen foi presentado polo vicepresidente Ricardo Barros, destacou que elixir ao Celta foi “fácil” polo xogo alegre que practica o equipo vigués e dixo que “todo o mundo no club e no seu entorno faime sentir como en casa”. Afirmou que desde a súa incorporación ao equipo na pretempada en Italia “estou vivindo un soño”.
Pola súa banda, Ricardo Barros subliñou que a chegada de Sisto é unha gran noticia para o Celta polo talento e a calidade do futbolista, así como pola súa xuventude, e recordou o gran arranque de competición do xogador en Dinamarca, onde anotou media ducia de goles tanto en Liga como en competición europea.
Pione Sisto foi arroupado na súa presentación por un gran número de afeccionados, que seguiron con ilusión e entusiasmo as palabras do céltico e asistiron despois a unha espectacular exhibición do danés co balón.