A presentación de Denis Suárez como novo xogador do RC Celta, unha das máis emocionantes dos últimos anos, será este xoves no estadio Abanca Balaídos a partir das 19.00 horas. Os afeccionados poderán acceder á bancada de Tribuna Baixa polas portas 3 e 8 desde media hora antes, ás 18.30 horas.
O acto comezará coa rolda de prensa ante os medios de comunicación. Unha vez conclúa, Denis saltará ao céspede coa súa nova camiseta, a do RC Celta, para saudar e fotografarse cos afeccionados presentes nas bancadas. O novo futbolista celeste pechará a súa presenza no terreo de xogo cun lanzamento de balóns á bancada.
Por último, ao acabar a presentación no céspede, Denis acudirá á tenda do estadio para asinar tarxetóns a todos os afeccionados que así o desexen.
Ademais, haberá animación, música e agasallos durante toda a presentación.
Directo en Celta Media
Todo o evento, tanto a rolda de prensa ante os medios de comunicación como os diferentes actos sobre o terreo de xogo, serán retransmitidos en directo por Celta Media a través da canle oficial de youtube. Os afeccionados presentes en Abanca Balaídos poderán seguir a comparecencia de prensa polos videomarcadores do estadio.
‘Isto vai de corazón’
O club anima a todos os afeccionados celestes a asistir a esta especial presentación e a renovar o seu abono ou xestionar a súa alta de maneira online na páxina web istovaidecorazon.es até o 19 de xullo para acompañar ao equipo nesta ilusionante tempada.