O futbolista do FC Barcelona xogará cedido no club vigués durante unha tempada
O Celta pechou hoxe a contratación de Rafinha Alcántara, centrocampista do FC Barcelona que xogará cedido no club vigués durante unha tempada.
Rafinha (Sao Paulo-Brasil, 1993), fillo do ex-xogador celeste Mazinho, deu os seus primeiros pasos futbolísticos no Ureca de Nigrán e puntualmente co Celta en torneos de fútbol base. Aos 13 anos incorporouse ás categorías inferiores do FC Barcelona, onde se formou como futbolista ata chegar ao filial blaugrana na 2010/2011 baixo as ordes de Luís Enrique.
As dúas últimas tempadas no Barça B disputou 75 partidos nos que anotou 19 goles. O xogador hispano-brasileiro debutou co primeiro equipo catalán o 9 de novembro de 2011, en partido de Copa do Rei.
Como internacional Rafinha participou varias veces nas seleccións Sub-16, Sub-17 e Sub-19 españolas, pero desde 2012 é xogador do combinado nacional Sub-20 de Brasil, co que disputou o Campionato Suramericano 2013 desa categoría.
Rafinha será presentado esta mesma tarde a partir das 17:00 horas no Estadio de Balaídos.