O RC Celta dáse un baño de goles ante o Vizela no seu segundo partido da pretemporada (4-0). O dianteiro grego, Tasos Douvikas, adiantaba ao conxunto celeste no primeiro minuto de partido, aproveitando o centro de Damián Rodríguez. Este sería o primeiro dos tres tantos, do hat-trick, que marcaría Douvikas na primeira parte do encontro. O segundo gol chegaba no minuto 20, aproveitando un erro na saída de balón do Vizela, e, no minuto 38, co contragolpe do conxunto celeste, chegaría o terceiro gol tras o pase de Óscar Mingueza. Os de Claudio Giráldez marchábanse ao descanso cunha gran vantaxe no marcador e concedendo moi poucas oportunidades ao conxunto portugués.
Na segunda metade, e cun once totalmente cambiado, as sensacións continuaron sendo positivas, e os nosos seguían poñendo en serios apuros ao gardameta do conxunto portugués, Bursac. O encargado de subir un novo tanto ao marcador, no minuto 59, sería Pablo Durán cun golazo pola escuadra tras a asistencia de Williot Swedberg.
Un segundo amigable cargado de goles, no que o equipo non só deixou boas sensacións, senón que estreou a que será o seu primeiro equipamento na tempada 24/25 ante as decenas de persoas que ocupaban as bancadas do Estadio Municipal de A Lomba.
A próxima cita será o Sporting de Xixón, o martes ás 12:00, na Cidade Deportiva Afouteza, que lle servirá a Claudio Giráldez para seguir construíndo o equipo de cara ao curso que vén.
FICHA TÉCNICA:
4 – RC Celta: Marc Vidal, Manquillo, Starfelt, Jailson, Javi Rueda, Damián, Óscar Mingueza, Sergio Carreira, Iago Aspas, Douvikas e Franco Cervi. Na segunda metada o XI celeste formárono César, Javi Rodríguez, Carlos Domínguez, Unai Núñez, Carles Pérez, Fran Beltrán, Miguel Román, Hugo Álvarez, Alfon, Pablo Durán e Williot.
0 – FC Vizela: Ruberto, Jota, Rhyner, Joapo Reis, Italo, Bastunov, Y. Semedo, Nascimento, Heber, Ramos e Loppy.
Goles: 1-0, min. 1′ Douvikas; 2-0, min. 20′ Douvikas; 3-0, min. 38′ Douvikas; 4-0, min. 59′ Pablo Durán.
Árbitro: Álvaro Juncal Moreira (Comité galego).
Incidencias: Segundo partido amigable da pretemporada celeste disputado no Estadio Municipal de A Lomba (Vilagarcía de Arousa).