O RC Celta domina un encontro moi especial ante un Valencia que soubo aproveitarse para adiantarse no marcador pero que os celestes remontaron nunha tarde para a historia.
A segunda xornada de LALIGA EA SPORTS enfrontou aos de Claudio Giráldez ao conxunto dirixido por Rubén Baraja. Nun encontro que dominaron os celestes de principio a fin, pero no que os che comezaron poñéndose por diante no marcador cun tanto de Diego López, no minuto 14, tras un saque de esquina.
Os nosos continuaban avisando de que querían máis, estaban na casa, no día do seu 101 aniversario e as xogadas para alcanzar a portería de Mamardashvili sucedíanse. Sería no minuto 25 cando conseguirían empatar o encontro tras un cambio de orientación de Iago Aspas cara a Óscar Mingueza que remata ao voo coa dereita superando ao porteiro xeorxiano. Nese momento comezaría unha remontada para a historia e, tan só 4 minutos despois, o RC Celta conseguiría darlle a volta ao partido. O rei das bateas subiría o segundo tanto ao luminoso tras un xogadón celeste que permitiu ao de Moaña penetrarse na defensa e bater ao porteiro.
Na segunda parte, todo continuaría igual. O RC Celta seguía facendo méritos para marcar o terceiro e o Valencia era incapaz de frear a un equipo que estaba de festa, cómodo ante a súa afección. Unha afección que abarrotaba o estadio Abanca Balaídos e que vibraba co xogo que estaba a expor o seu equipo. Finalmente, foi un lategazo de Fran Beltrán desde a frontal da área que se meteu pola escuadra para subir un novo tanto ao marcador. Unha vitoria ante todo o celtismo que se poñía en pé para ovacionar a un equipo valente que loitou desde o minuto un. Un equipo cunha aposta total polo talento local e no que chegaron a saltar ao terreo de xogo ata nove canteiráns.
Victoria celeste cunha remontada espectacular que posiciona ao RC Celta líder de LALIGA EA SPORTS unha semana máis. Tan só 72 horas despois, o conxunto celeste disputará a terceira xornada da competición ante o Villarreal no estadio de La Cerámica o vindeiro luns, 26 de agosto, ás 21:30.
FICHA TÉCNICA:
3 – RC Celta: Iván Villar, Javi Rodríguez (Starfelt, 75’), Jailson, Carlos Domínguez, Hugo Álvarez, Óscar Mingueza (Carreira, 46’), Damián Rodríguez, Fran Beltrán, Iago Aspas (Pablo Durán, 87′), Williot Swedberg (Bamba, 65’) e Tasos Douvikas (Borja Iglesias, 66’).
1 – Valencia CF: Mamardashvili, Thierry (Foulquier, 77’), Cristhian Mosquera, Yarek, Jesús Vázquez, Pepelu, Javi Guerra (Luis Rioja, 61’), Rafa Mir (Alberto Marí, 84’), Diego López (Martín Tejón, 77’), André Almeida e Hugo Duro (Dani Gómez, 77’).
Goles: 0-1 Diego López, min. 14; 1-1 Óscar Mingueza, min. 23; 2-1 Iago Aspas, min. 28; 3-1 Fran Beltrán, min. 59.
Árbitro: Munuera Montero (Comité Andaluz). Amonestou a Óscar Mingueza (min. 25) e a Damián Rodríguez (min. 78).
Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 2 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Abanca Balaídos ante a presenza de 23.519 espectadores.