
O Celta logrou a primeira vitoria da tempada en LaLiga tras impoñerse por 2-3 a Osasuna en El Sadar, un encontro esixente no que os celestes buscaban dar un golpe de efecto e asinaron unha actuación de gran madurez ante un rival que ata o de agora se mantiña invicto no seu estadio. Ferran Jutglà foi o gran protagonista cun dobrete que estreou a súa conta goleadora como xogador do Celta, mentres que Pablo Durán, cun tanto no 87, certificou a remontada e selou o triunfo.
O partido comezou cun ritmo alto e alternancia de chegadas, pero foi Ferran Jutglà o encargado de adiantar ao conxunto celeste no minuto 27 cunha definición de gran clase ante Sergio Herrera. O Celta sorría pero pouco duroulle a alegría xa que, antes do descanso, Osasuna foi capaz de darlle a volta ao marcador con dous goles de Budimir, o primeiro de penalti e o segundo tras un saque de esquina.
Lonxe de virse abaixo, os pupilos de Claudio Giráldez mantiveron a fe. Na segunda metade, novamente Ferran Jutglà aproveitou un balón solto na área para empatar o encontro e, cando o tempo esgotábase, Pablo Durán culminou unha rápida contra para asinar o definitivo 2-3 que desatou, agora si, a alegría celeste.
Unha vitoria que reafirma as boas sensacións que o conxunto de Claudio Giráldez viña demostrando sobre o terreo de xogo a pesar de non ser capaces de materializalas en puntos. O Celta volverá á acción a próxima xornada visitando ao Levante, o domingo ás 14:00 horas, pero antes deberá xogar a primeira rolda da Copa do Rey ante o Puerto de Vega, este xoves ás 19:00 horas.
FICHA TÉCNICA:
2 – CA Osasuna: Sergio Herrera; Moncayola, Boyomo, Catena, Osambela (Juan Cruz, min. 82), Bretones (Becker, min. 89), Rubén García (Raúl, min. 72), Torró (Benito, min. 89), Moi Gómez; Víctor Muñoz (Barja, min. 82) e Budimir.
3 – Celta: Andrei Radu; Manu Fernández (Óscar Mingueza, min. 61), Joseph Aidoo, Marcos Alonso; Sergio Carreira, Damián Rodríguez (Hugo Sotelo, min. 61), Ilaix Moriba, Mihailo Ristic (Jones El Abdellaoui, min. 61); Ferrán Jutglà, Borja Iglesias e Bryan Zaragoza (Pablo Durán, min. 75).
Goles: 0-1, Ferrán Jutglá (min. 27). 1-1, Budimir (min. 37 de penalti). 2-1, Budimir (min.45). 2-2, Jutglá (min.69). Pablo Durán (min.87).
Árbitro: Hernández Hernández (Comité canario), asistido por José Naranjo e Marcos Cerdán. Por parte do Celta, amoestou a Ferran Jutglà, Manu Fernández, Damián, Borja Iglesias e Jones El-Abdellaoui. Mentres que do conxunto local, recibiron cartolina amarela Catena, Bretóns e Boyomo.
Incidencias: Partido correspondente á décima xornada de Laliga EA Sports disputado no estadio El Sadar ante 20.065 espectadores. Nos minutos previos ao comezo do encontro homenaxeouse á ciclista navarra Paula Ostiz, que recentemente se proclamou campioa do mundo e de Europa en categoría junior.