borja
Primeiro Equipo

Resistir para seguir soñando | Celta 1 – 1 Olympique de Lyon

RC Celta

O Celta saíu vivo do primeiro asalto dos oitavos de final da UEFA Europa League tras empatar ante o Olympique de Lyon en Abanca Balaídos. Un resultado que sabe agridoce por como chegou o empate francés, pero que deixa a eliminatoria completamente aberta para decidirse dentro de sete días no Groupama Stadium.

O partido foi, sobre todo, un exercicio de resistencia do equipo dirixido por Claudio Giráldez. O Lyon asumiu o mando desde o inicio con longas posesións e unha presión moi alta, guiado na medular por Corentin Tolisso. Ante ese escenario, o Celta replegouse con orden, xuntou liñas e defendeu con firmeza, apoiado na súa liña de tres centrais e o traballo do centro do campo.

Aínda así, o conxunto celeste soubo atopar o seu momento. Nunha xogada a contragolpe, Matías Vecino rompeu liñas e abriu cara a Williot Swedberg. O sueco puxo un centro raso á área que Javi Rueda empuxou á rede para desatar a euforia en Abanca Balaídos.

O encontro cambiou tras o descanso coa sorprendente expulsión de Borja Iglesias por dobre amarela. Con máis de media hora por diante e un xogador menos, o Celta viuse obrigado a dar un paso atrás. Desde entón o plan foi claro: resistir. O equipo pechouse preto da súa área, multiplicou esforzos e defendeu cada balón coma se fose o último. Nese tramo apareceu tamén a figura de Andrei Radu que sostivo aos seus con grandes intervencións.

Cando parecía que o esforzo tería premio, chegou o golpe final. No minuto 86, un disparo raso de Endrick desde a frontal acabou coándose na portería celeste, poñendo as táboas no marcador.

Con todo, a eliminatoria queda completamente aberta e o Celta viaxará a Lyon en busca da vitoria que lle dea o pase aos cuartos de final da Europa League. O Groupama Stadium será o escenario onde se defina a clasificación o vindeiro xoves, 19 de marzo ás 18:45h., e alí espérase a presenza de máis de 3.000 celtistas co que xuntos loitaremos ata o asubío final.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas