Os partidos clasificatorios para o Mundial de Qatar de 2022 protagonizaron os compromisos do mes de novembro dos internacionais do RC Celta. Ese foi o caso de Joseph Aidoo, Néstor Araújo, Renato Tapia e Brais Méndez, mentres que José Fontán participou na fase de clasificación para o Europeo sub-21 de 2023 que se celebrará en Xeorxia e Romanía.
Joseph Aidoo disputou dous encontros correspondentes á Clasificación para o Mundial de 2022 da Confederación Africana de Fútbol. O central xogou os noventa minutos no empate (1-1) fronte a Etiopía e foi suplente na vitoria (1-0) fronte Sudáfrica que outorga ás Black Stars a primeira praza do grupo G da segunda rolda, conseguindo o acceso á fase final da fase de clasificación.
Despois de ser baixa por sanción no duelo fronte a Estados Unidos, Néstor Araújo disputou o choque completo na derrota por 2-1 fronte a Canadá. Despois deste encontro, a tricolor ocupa o terceiro posto na rolda final da Clasificación da Concacaf con catorce puntos.
Dobre triunfo de Perú na Clasificación mundialista da Conmebol tras impoñerse fronte Bolivia (3-0) e Venezuela (1-2). Renato Tapia disputou os dous partidos ao completo e a súa selección ascende ata a quinta posición.
A Selección Española asegurou a súa presenza en Qatar 2022 tras finalizar en primeira posición do Grupo B da fase de clasificación da UEFA despois de gañar a Grecia (0-1) e Suecia (1-0). Brais Méndez disputou os últimos minutos no duelo decisivo fronte o conxunto escandinavo.
Pola súa banda, José Fontán tivo unha destacada presenza coa Selección Española sub-21. Na vitoria (0-5) fronte a Malta disputou a segunda parte, mentres que na derrota fronte Rusia (0-1) foi titular e xogou os noventa minutos. O combinado nacional sitúase en primeira posición do grupo C da clasificación para o Europeo sub-21.