O canteirán Rubén Blanco amplía o seu vínculo co RC Celta, club ao que chegou sendo un neno, en primeiro ano de categoría infantil. O porteiro mosense protagoniza a primeira renovación da tempada tras ampliar o seu contrato até xuño de 2027.
Rubén Blanco debutou en partido oficial co primeiro equipo o 26 de maio de 2013, un choque que estará para sempre na memoria do celtismo. Con só 17 anos, o canteirán saltou ao céspede de Zorrilla en substitución do lesionado Javi Varas e protagonizou unha actuación fantástica para sumar unha vitoria vital para lograr a permanencia naquela tempada do 4%.
Desde entón, Rubén disputou 120 partidos máis en Primeiro División para un total de 142 encontros coa camiseta celeste en Liga, Copa e UEFA League.
“Estou moi contento. Esta é a miña casa, hoxe é un día moi feliz para min”, comentou Rubén, quen destacou que “son xa 9 anos no primeiro equipo e sempre o dixen, mentres o club non me diga o contrario estarei encantado de estar aquí. É un orgullo para calquera neno chegar ao primeiro equipo”.
Sobre a proximidade do centenario e vivilo como celeste, o canteirán indicou que “Veñen anos moi bonitos para o club e tamén para a cidade e creo que temos que afrontalos con ilusión e optimismo”.