
O Celta xa coñece o seu primeiro rival na presente Copa del Rey. Este mediodía, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) levou a cabo, na Cidade do Fútbol de Las Rozas, o sorteo dos emparellamentos para a primeira rolda da competición e o azar determinou que os celestes se enfrontarán ao Salamanca CF UDS a finais de outubro no estadio Helmántico, en Salamanca.
O conxunto salmantino, que milita en Segunda Federación, obtivo a súa praza na primeira rolda da Copa del Rey a través da Copa Federación. O Salamanca CF UDS superou o Caudal Deportivo nos dezaseisavos de final e posteriormente eliminou a UD Santa Marta nos cuartos de final, impoñéndose por 1-2 no Alfonso San Casto. A súa presenza nas semifinais da Copa Federación outorgoulle directamente unha praza na primeira rolda da Copa do Rei.
Unha eliminatoria ilusionante para os de Claudio Giráldez, que volverán enfrontarse ao conxunto charro despois do duelo disputado en decembro de 2024 e que a finais deste mes iniciarán a terceira das competicións nas que participan esta tempada. A eliminatoria, a partido único, disputarase entre o 27 e o 29 de outubro.