O novo defensa do Celta, Sebastián Cáceres, foi presentado este mércores na Cidade Deportiva Afouteza ante os medios nunha rolda de prensa na que recoñeceu que a súa chegada a Vigo foi “un proceso complexo”, aínda que tiña claro que “todos queriamos que saíse” e finalmente fíxose realidade.
Acompañado polo conselleiro do club Sergio Álvarez e Marco Garcés, director de fútbol, o uruguaio explicou que a idea de xogo do equipo foi un dos principais motivos para dar o paso: “propoñer e saír xogando”. Tamén destacou as referencias recibidas por diversos compañeiros e asegurou que está “no lugar correcto”.
Cáceres chega ademais en boas condicións físicas e con ganas de adaptarse canto antes ás esixencias de Claudio Giráldez. “Vou poñer toda a miña disposición para facelo o antes posible e sumar co equipo desde onde toque”, sinalou.
Sobre o que pode achegar, o defensa falou da súa “agresividade á hora da presión”, un aspecto clave, seguro, para esta súa primeira experiencia no fútbol europeo. Un novo reto que comeza con confianza, traballo e moitas ganas de medrar.
Dálle ao play e non perdas a primeira rolda de prensa de Sebastián Cáceres como celeste.