16-9
Primeiro Equipo

Sebastián Cáceres, experiencia e solidez para a zaga celeste

RC Celta

O Celta e o Club América alcanzaron un acordo para o traspaso de Sebastián Cáceres, que se converte en novo xogador celeste ata xuño de 2030, a expensas do recoñecemento médico.

O central uruguaio chega a Vigo tras seis tempadas e media no conxunto azulcrema, onde superou os douscentos partidos oficiais e conquistou tres Ligas MX consecutivas, un Campión de Campións e a Campións Cup. En México asentouse como un dos defensas máis fiables do campionato grazas á súa anticipación, a súa capacidade para defender espazos amplos e a súa saída limpa de balón.

Formado no Liverpool de Montevideo, debutou como profesional en 2017 e deu o salto ao fútbol mexicano en xaneiro de 2020. Internacional absoluto con Uruguai desde 2022, disputou a Copa América de 2024 e formou parte da selección uruguaia no Mundial de 2026.

Aos seus 27 anos, Cáceres chega en plena madurez competitiva e coa rodaxe de quen leva anos pelexando por títulos, un perfil que achegará solidez e experiencia á zaga de Claudio Giráldez nunha tempada esixente, co equipo competindo en tres competicións.

O Celta dá a benvida a Sebastián Cáceres e deséxalle moitos éxitos nesta nova aventura.

Benvido, Sebastián!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas