
Se hai que destacar un nome propio do pasado mes de novembro, o celtismo teno claro: Sergio Carreira. O canteirán converteuse no xogador MVP Estrella Galicia do pasado mes, superando nas votacións a Borja Iglesias e a Pablo Durán. Un premio que outorga a afección celeste e que resalta os valores de esforzo e inconformismo que comparten tanto a icónica cervexa de Hijos de Rivera como o Celta.
Contento de recibir este recoñecemento, Carreira quixo agradecer o apoio recibido e o traballo de todo o plantel, “moitas grazas á afección polos votos para que teña hoxe este premio e a todo o equipo por axudarme a conseguilo”. O carrilero celeste mantén un idilio moi especial coa bancada á que sente cada vez máis preto, “é bonito o aprecio que me ten parte da afección e que eu tamén lles teño a eles”.
O pasado mes de novembro deixou momentos moi especiais para o mozo canteirán pero se ten que destacar un, sen dúbida, sería o gol ante o FC Barcelona en Abanca Balaídos que recoñece que lle deu “moita confianza para ese encontro e para todos os seguintes”.
Sergio Carreira recolle o seu primeiro MVP Estrella Galicia tan só uns días despois de vivir un partido que dificilmente esquecerá tanto el como todo o celtismo: a histórica vitoria do Celta no Santiago Bernabéu 19 anos despois, “foi un día precioso para nós e tamén para toda a xente, para o club… estamos moi orgullosos do traballo realizado”.
Con practicamente a primeira parte da tempada superada, o xogador fai un balance positivo do equipo e mira cara a adiante con optimismo, “estamos moi vivos en todas as competicións e con moita confianza para a segunda volta”.
Desta maneira, Sergio Carreira pecha un mes de novembro no que demostrou un rendemento extraordinario que agora se ve reforzado co recoñecemento de todo o celtismo.
Parabéns, Sergio!