16-9
Primeiro Equipo

Sergio Carreira, un celeste de berce que seguirá crecendo en casa

RC Celta

O RC Celta e Sergio Carreira chegaron a un acordo para prolongar o seu contrato por catro tempadas máis. O lateral dereito, formado na Madroa, continuará defendendo a camiseta celeste tras selar o seu compromiso co club que o viu crecer.

Sergio Carreira chegou ás categorías inferiores do RC Celta en idade infantil e desde entón converteuse nun exemplo de traballo, perseveranza e esforzo, uns valores que representan á perfección a canteira celeste. O 17 de outubro de 2020, o defensa cumpriría o seu soño de debutar co primeiro equipo en Laliga e facíao como titular ante o Atlético de Madrid en Abanca Balaídos. Precisamente, foron o seu esforzo e tesón os que o levaron a consolidarse no primeiro equipo esta tempada destacando pola súa solidez defensiva e achegando equilibro ao flanco dereito. En total foron máis de 1.800 minutos nos que deixou 4 asistencias que demostran a súa gran capacidade para incorporarse ao ataque e xerar perigo desde a banda dereita, converténdose nunha peza moi importante dentro do esquema celeste.

Aos seus 24 anos, Sergio completou unha tempada de gran crecemento que confirma o seu excelente momento de forma e proxección á que agora pon a guinda perfecta selando a súa continuidade no equipo ata 2029.

Para o RC Celta, a súa renovación non só reforza o plantel, senón que representa a esencia dun proxecto que pon o foco no talento que reside na canteira e demostra que isto tamén vai de corazón.

Agora si, vénse formatín… Parabéns, Sergio!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas