getafe
Primeiro Equipo

Táboas no regreso celeste ao Coliseum | Getafe CF 0-0 Celta

RC Celta

No mesmo escenario onde a tempada pasada asinou o seu billete europeo, o Celta volveu demostrar personalidade e oficio para sumar un punto de mérito nun dos campos máis incómodos de Laliga. O conxunto de Claudio Giráldez foi de menos a máis e marchouse de Getafe cun empate que o mantén na sétima praza da clasificación.

Nos primeiros compases do partido, o Celta ordenouse en bloque medio, compacto e correcto en defensa, neutralizando a un Getafe que, de forma pouco habitual, quixo apropiarse do balón. Conseguírono, levando a iniciativa e a posesión pero as ocasións foron contadas e o control defensivo celeste evitou que os azulones atopasen profundidade.

Tras o descanso chegou o cambio de guion, o equipo saltou ao terreo de xogo con outra mentalidade e comezaron a mellorar as sensacións. O Celta adiantou liñas, monopolizó a posesión e xogou boa parte do segundo acto en campo contrario. O Getafe foi reculando ata defender con moitos homes preto da súa área, mentres os celestes atopaban espazos, especialmente pola banda, e acumulaban chegadas con certo perigo. Houbo ocasións suficientes para desnivelar o marcador, incluído un gol de Williot anulado, pero faltou o último acerto para dar o golpe definitivo.

Un punto que ten un gran valor despois dunha semana moi esixente e con apenas descanso tras o último partido da fase de grupos da Europa League. Agora toca centrarse xa na próxima xornada da competición doméstica que traerá a Abanca Balaídos a Osasuna este venres ás 21:00 horas.

FICHA TÉCNICA:

0 – Getafe CF: Soria; Kiko Femenía (Sancris, min. 90), Duarte (Boselli, min. 90), Djené, Zaid Romero, Juan Iglesias; Mario Martín (Javi Muñoz, min. 68), Milla, Arambarri; Satriano (Liso, min. 77) e Luis Vázquez (Nyom, min. 90).

0 – Celta: Andrei Radu; Jones El-Abdellaoui (Javi Rueda, min. 77), Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso, Óscar Mingueza (Sergio Carreira, min. 68); Miguel Román, Ilaix Moriba; Fer López (Iago Aspas, min. 81), Borja Iglesias (Hugo Álvarez, min. 77) e Williot Swedberg (Pablo Durán, min. 68).

Árbitro: Iosu Galech Apezteguía (Comité Navarro). Por parte do Celta, mostrou cartolina amarela a Ilaix Moriba e a Borja Iglesias. Mentres que, por parte do Getafe, foi amoestado Satriano.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Laliga EA Sport disputado no Coliseum ante preto de 10.000 espectadores. Ao comezo, gardouse un minuto de silencio por David Cordón Cano, pai do futbolista do Getafe Davinchi, falecido no accidente ferroviario de Adamuz.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas