HDemeLYbcAA059U
Novas primeiro equipo

Todo igual tras La Cartuja | Real Betis Balompié 1-1 Celta

RC Celta

O Celta sumou un punto na súa visita a A Cartuja tras empatar (1-1) ante o Real Betis Balompié, un reparto de puntos que mantén a igualdade na clasificación. Os celestes adiantáronse pronto cun tanto de Ferran Jutglà no minuto 4, pero o conxunto verdibranco reaccionou na segunda metade e atopou o empate por medio de Héctor Bellerín.

Os de Claudio Giráldez arrancaron con personalidade e pegaron primeiro. Jutglà aproveitou unha perda rival para probar sorte desde lonxe e adiantar ao Celta. Despois deste gol temperán, os celestes amosáronse firmes e ordenados durante o primeiro acto, controlando o ritmo do partido e xerando varias chegadas perigosas que puideron ampliar a vantaxe antes do descanso, pero non o fixeron.

Á saída dos vestiarios, o Betis deu un paso adiante e atopou o empate moi pronto. Como ocorrera na primeira parte con Ferran, Héctor Bellerín viu portería nos primeiros minutos do segundo acto ao culminar unha xogada iniciada por Aitor Ruibal, que se converteu nun incordio constante para a defensa celeste durante toda a segunda metade. Os vigueses insistiron na procura do segundo e chegaron incluso a marcar por medio de Borja Iglesias, aínda que o tanto foi anulado por fóra de xogo. Con todo, o Celta soubo manterse firme, resistindo o empuxe verdibranco e ameazando tamén ao contragolpe nun tramo final moi aberto.

Agora, co punto sumado en Sevilla, o conxunto celeste segue firme na competición doméstica e xa pon a mirada nos seus próximos retos. Antes de regresar a Abanca Balaídos en liga para recibir ao Deportivo Alavés, o Celta afrontará un esixente compromiso europeo na volta dos oitavos da UEFA Europa League fronte ao Olympique de Lyon.

FICHA TÉCNICA:

1 – Real Betis Balompié: Álvaro Valles; Bellerín, Marc Bartra, Natan, Junior Firpo (Valentín Gómez, m.67) ; Marc Roca, Fidalgo (Altimira, m.86), Pablo Fornals; Aitor Ruibal, Ez Abde (Antony, m.67); e Cucho Hernández (Bakambu, m.80).

1 – Celta: Radu; Álvaro Núñez (Javi Rodríguez, m.58), Starfelt, Marcos Alonso; Óscar Mingueza, Hugo Sotelo, Fer López (Moriba, m.58), Carreira; Pablo Durán (El-Abdellaoui, m.79), Ferran Jutglà (Williot, m.66) e Hugo Álvarez (Borja Iglesias, m.66).

Goles: 0-1, M.04: Ferran Jutglà. 1-1, M.49: Bellerín.

Árbitro: José María Sánchez (Comité Murciano). Expulsou no minuto 62 a un membro do corpo técnico do Betis. Ademáis, amonestou aos locais Cucho Hernández (m.61) e Antony (m.92) e aos visitantes Marcos Alonso (m.62), Mingueza (m.81) e Moriba.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 28 de LALIGA EA SPORTS disputado no Estadio de La Cartuja.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas