O fútbol europeo regresou a Balaídos pola porta grande. Nun encontro moi igualado, ante un rival complicado como o histórico Panathinaikos, o Celta tirou de oficio para levar unha vitoria que puxo en pé á afección. Nos compases finais do choque un gol de Guidetti e outro de Wass de falta directa deron ao celtismo un triunfo en Europa unha década despois.
O Celta foi de máis a menos no primeiro tempo. Os celestes arrincaron o encontro facéndose coa posesión do balón, aplicando o seu xogo combinativo e buscando a meta contraria. Os gregos, fisicamente moi sólidos, melloraron co paso do crono e a punto estiveron de adiantarse nunha dobre ocasión. Sergio Álvarez, cun par de extraordinarias intervencións, evitou o gol heleno.
Na segunda parte o partido equilibrouse, aínda que as mellores ocasións chegaron por parte do Panathinaikos. O árbitro anulou un gol a Berg por falta sobre Andreu Fontàs, titular no día de hoxe e que rendeu a un gran nivel. Berizzo moveu o banco e o equipo reaccionou. Tamén Balaídos, que na recta final deste histórico choque veu arriba para empuxar ao equipo cara á vitoria.
No minuto 84 a alegría invadiu o estadio vigués. Un bo pase de Wass atopou a Guidetti só na área. O sueco non fallou e cun remate de primeiras puxo o primeiro tanto celeste no marcador. Case sen tempo para celebrar chegou o definitivo 2-0. Un extraordinario lanzamento de falta de Wass perforou a portaría helena e fixo levantar á parroquia celeste, que despediu ao equipo cantando “A Rianxeira”.
Europa regresou a Balaídos dez anos despois e fíxoo ao grande, cunha gran vitoria e unha nova demostración de unión entre equipo e afección.
FICHA TÉCNICA
2-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Fontàs, Cabral, Jonny, Señé (Wass, 71’), Marcelo Díaz, Pablo Hernández, Naranjo (Sisto, 60’), Guidetti, Rossi (Aspas, 78’).
0-PANATHINAIKOS: Steele, Koutroumbis (M’Poku, 87’), Samba, Ibarbo, Berg, Zeca, Lod, Villafáñez, Ledesma, Moledo, Coullibaly.
Goles: Guidetti, 84’ (1-0); Wass, 88’ (2-0).
Árbitro: Luca Banti, da Federación Italiana. Amonestou a Villafáñez e Samba (Panathinaikos) e Cabral (Celta).
Campo: Balaídos (15.726 espectadores).