O RC Celta abonouse ao sufrimento no Estadi Nacional do FC Andorra. Prevíase unha eliminatoria complicada polo terreo de xogo sintético, pero é que ademais os celestes topáronse cun rival aguerrido que creu até o último suspiro.
José Fontán abriu o marcador ao trece minutos do asubío inicial co que xa é a súa segunda diana na competición copeira. O Andorra non veu abaixo e antes do descanso conseguía a igualada cunha diana asinada por Vilanova, fillo do mítico ex xogador do RC Celta e FC Barcelona. O gol non estivo exento de polémica. Os xogadores vigueses reclamaron que o balón non entrara por completo na portaría e a repetición televisiva non terminou por aclarar a xogada.
No inicio da segunda parte, os de Coudet fixeron méritos para recuperar a vantaxe no marcador, pero o cadro local resistiu e terminou por levar o partido a unha prórroga que parecía pór contra as cordas ao conxunto olívico. Cando todo parecía abocado á quenda de penaltis, Santi Mina apareceu para pór o 1-2 definitivo no marcador e asegurar o pase do RC Celta á seguinte fase da Copa Do Rei.