athletic
Primeiro Equipo

Un gran Celta tumba ao Athletic e pecha o 2025 na casa ao grande (2-0)

RC Celta

O Celta pechou o 2025 en Abanca Balaídos cunha vitoria de enorme mérito ante o Athletic Club, un triunfo de equipo que acaba co gafe e reafirma as boas sensacións. Nunha semana de gran esixencia, Claudio Giráldez apostou polas rotacións e o conxunto celeste respondeu cun partido moi serio fronte a un rival Champions que apenas retocou o seu once. Sen alardes, o Celta competiu de ti a ti, soubo sufrir e golpeou cando tocaba.

Desde o inicio, o Athletic quixo mandar presionando alto e buscando vantaxes polos costados. Mentres, o Celta aceptou o guion con calma, defendeu ben a súa área e chegou ao descanso sen conceder ocasións claras. De feito, a mellor oportunidade do primeiro tempo foi para un intratable Williot Swedberg que rozou o gol ao quedar só ante Unai Simón tras unha boa acción individual dentro da área.

O descanso cambiouno todo. Coa entrada de Jones El-Abdellaoui achegando profundidade, Swedberg moveuse á esquerda, unha acción que pouco tardou en dar os seus froitos. Tras unha medida asistencia de Javi Rueda, o sueco apareceu no segundo pau para anotar de cabeza o primeiro tanto da tarde, confirmando o seu gran momento tras o dobrete do Bernabéu. A partir dese momento, o Celta viuse arriba e rozou o segundo nunha transición que Jones non terminou de acertar, pero o noruegués desquitouse pouco despois gañándolle a posición a Vivian e asinando o seu primeiro gol en LaLiga cun disparo cruzado que culminaba outra gran asistencia de Javi Rueda.

Co 2-0 no marcador, o partido parecía controlado ata que chegou o penalti sinalado polo VAR na área celeste. Nico Williams asumiu a responsabilidade, pero topouse cun Radu imperial, que adiviñou o lado e sostivo ao equipo ante un Abanca Balaídos no que resoaba o seu nome.

A partir de aí, o Celta ordenouse, concedeu pouco máis que centros laterais e pechou o ano en casa cunha importantísima vitoria que reafirma as boas sensacións dun equipo que non deixa de crecer.

Agora, Abanca Balaídos terá que esperar ata 2026 para volver recibir ao conxunto de Claudio Giráldez que pechará o ano no Carlos Tartiere o vindeiro sábado, 20 de decembro, ás 14:00 horas ante o Real Oviedo. Pero antes, os celestes terán unha nova cita de Copa do Rey ante o Albacete Balompié no Carlos Belmonte este mércores ás 19:00 horas.

FICHA TÉCNICA:

2 – Celta: Andrei Radu; Manu Fernández, Carl Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Sergio Carreira, min. 61), Hugo Sotelo (Ilaix Moriba, min. 61), Miguel Román, Óscar Mingueza; Iago Aspas (Hugo Álvarez, min. 79), Williot (Borja Iglesias, min. 75) e Ferran Jutglá (Jones El-Abdellaoui, min. 46).

0 – Athletic Club: Unai Simón; Areso, Vivian, Paredes, Yuri (Adama Boiro, min. 51); Ruiz De Galarreta, Jauregizar; Berenguer (Ibón Sánchez, min. 46), Sancet (Iñaki Williams, min. 46), Nico Williams (Nico Serrrano, min. 75); e Guruzeta (Izeta, min. 79).

Goles: 1-0 Williot Swedberg, min. 48. 2-0 Jones El-Abdellaoui, min. 55

Árbitro: Hernández Hernández (Comité Canario). Por parte do Celta, amoestou a Ferran Jutglá (min.45) e a Iago Aspas (min.77). Mentres que, por parte do Athletic, foron amoestados Iñaki Williams (min.66) e Vivian (min.87).

Incidencias: Encontro correspondente á xornada 16 de LaLiga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 20.505 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas