Cronica
Primeiro Equipo

Unha xogada de estratexia decanta o Celta-Espanyol (0-1)

RC Celta

O Celta caeu pola mínima en Abanca Balaídos nun partido no que nin os celestes nin o Espanyol atoparon a maneira de xerar demasiadas ocasións de perigo.

Cun once renovado e o retorno ao 3-4-3, os pupilos de Claudio Giráldez foron de menos a máis repartíndose o dominio do encontro. Na primeira metade, Iago Aspas apareceu entre liñas para xerar as mellores manobras ofensivas, Borja Iglesias provocou unha acción que o VAR terminou invalidando por fóra de xogo e Bryan Zaragoza rozou o gol cun disparo axustado ao pau.

Mentres, na segunda parte, o equipo foi crecendo en personalidade e conseguiu aumentar o seu dominio, aínda que os cambios terminaron alterando o pulso do encontro. En cambio, o Espanyol aumentou a súa intensidade nos minutos finais e, nunha xogada de estratexia, Kike García decidiu o partido cun testarazo no 86. Un mazazo ao que o Celta tratou de reaccionar xerando dúas oportunidades para empatar, sen fortuna.

Mente posta xa nunha semana que será moi esixente. O xoves, 4 de decembro ás 21:00 horas, os celestes disputarán a segunda rolda da Copa del Rey ante o San Andreu. Mentres que o vindeiro domingo, 7 de decembro ás 21:00 horas, enfrontaranse ao Real Madrid no Santiago Bernabéu.

FICHA TÉCNICA:

0 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Jones, min. 69), Miguel Román (Ferran Jutglá, min. 87), Fran Beltrán (Pablo Durán, min. 79), Sergio Carreira; Iago Aspas (Ilaix Moriba, min. 69), Bryan Zaragoza e Borja Iglesias (Williot Swedberg, min. 79).

1 – Espanyol: Dmitrovic; Omar El Hilali, Calero, (Riedel, min. 76) Cabrera, Romero; Terrats (Kike García, min. 59), Urko, Pol Lozano; Dolan (Salinas, min. 90), Pere Milla (Jofre, min. 76) e Roberto Fernández (Expósito, min. 76).

Gol: 0-1, min. 86: Kike García.

Árbitro: Isidro Díaz de Mera (Comité Castela-A Mancha). Do Celta amoestou a Ferran Jutglá, mentres que do RCD Espanyol a Urko e Romero.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 de Laliga EA Sports disputada en Abanca Balaídos ante 20.031 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas