
O Celta asinou unha noite europea para o recordo no Groupama Stadium ao superar o Olympique de Lyon cunha vitoria que selou o seu pase aos cuartos de final da Europa League. Os goles de Javi Rueda e Ferran Jutglà certificaron un triunfo traballado e celebrado polos miles de afeccionados celestes presentes, no maior desprazamento europeo do club, que puxo o broche a unha eliminatoria moi igualada, pero resolta con autoridade en territorio francés.
O encontro arrancou con bo ritmo e cun equipo local decidido a impoñer a súa lei, pero o guión cambiou tras a expulsión de Moussa por unha dura entrada sobre Javi Rueda. Con superioridade numérica, o Celta mantivo a calma, ordenado e competitivo, sabendo que a eliminatoria estaba aberta despois do empate en Abanca Balaídos. E tras o paso polos vestiarios, os de Claudio Giráldez fixeron valer o seu xogo. Con máis control de balón e presenza en campo rival, os celestes foron inclinando a balanza. Javi Rueda abriu o camiño e, co Lyon obrigado a arriscar, Ferran Jutglà puxo a sentenza a un partido no que o Celta soubo xestionar os tempos, dominar os espazos e pechar unha vitoria que reflicte a madurez competitiva do grupo en Europa.
Con este triunfo, o Celta métese entre os oito mellores do torneo e xa mira de reollo ao seu próximo rival, o SC Freiburg, coa vantaxe de disputar a volta en casa. Antes, iso si, toca cambiar o chip e centrarse na Liga, onde os celestes recibirán ao Deportivo Alavés en Balaídos coa intención de prolongar esta boa dinámica e seguir facendo gozar á afección.
FICHA TÉCNICA:
0 – Olympique de Lyon: Greif; Tagliafico, Niakhaté, Clinton Mata; Abner (Moreira, min 67), Nartey (Mangala, min 67), Morton (Fofana, min 81), Tolisso, Kango; Yaremchuk (Tessmann, min 46) e Endrick (Sulc, min 67).
2 Celta: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt (Aidoo, min 46), Marcos Alonso; Javi Rueda, Moriba, Vecino (Sotelo, min 80), Carreira; Williot (Hugo Álvarez, min 46), Pablo Durán (Jutglá, min 57) e Fer López (Iago Aspas, min 57).
Goles: 0-1, min 60: Javi Rueda; 0-2, min 90+3: Jutglá.
Árbitro: Irfan Peljto (Bosnia). Amosou cartón amarelo a Williot Swedberg, Carl Starfelt, Marcos Alonso, Javi Rueda e Fer López. E expulsou a Niakhaté e a Tagliafico (este último xa no desconto).
Incidencias: Partido de volta de oitavos de final da UEFA Europa League de 2026 disputado no Groupama Stadium ante 41.754 espectadores.