16-9-34
A Canteira

A canteira celeste amplía a súa presenza internacional

RC Celta

A canteira do Celta volve ter presenza no panorama internacional. Isaías Abuabara, Mateo Sobral e Diego Matute recibiron a chamada das súas respectivas seleccións nacionais para participar en importantes citas da categoría Sub-17. A eles súmase Mohamed Harafat Diabate, novo talento internacional con Costa de Marfil e futuro xogador celeste.

O gardameta panameño Isaías Abuabara, de 15 anos e pertencente á xeración de 2010, foi seleccionado por Panamá para disputar o Premundial Sub-17 da Concacaf. O novo porteiro, que continúa a súa formación nas categorías inferiores do Celta, terá así unha nova oportunidade de defender as cores do seu país e loitar por unha praza no próximo Mundial da categoría.

Pola súa banda, Mateo Sobral formará parte da selección española que competirá no Mundial Sub-17 de Qatar, que se celebrará do 19 de novembro ao 13 de decembro. O centrocampista, natural de Soutomaior e xogador do Xuvenil A, tamén está a participar na dinámica do Celta Fortuna, co que xa disputou sete encontros esta tempada.

Tamén estará presente na cita mundialista Diego Matute, convocado por Honduras para disputar o campionato. O futbolista, que forma parte da estrutura xuvenil do Celta, figura na lista definitiva de 21 xogadores elixidos polo seleccionador Merling Paz para representar o combinado hondureño en Qatar.

Por último, Mohamed Harafat Diabate é internacional Sub-17 con Costa de Marfil. O extremo dereito, cuxa incorporación ao proxecto de A Canteira farase efectiva en novembro de 2027, cando acade a maioría de idade, continúa actualmente a súa formación no Racing Club d’Abidjan.

Estas convocatorias supoñen un novo recoñecemento ao traballo formativo do club e permiten a estes futbolistas seguir medrando e acumulando experiencias no ámbito internacional.

Parabéns, canteiráns!

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Novas canteira

Noticias recomendadas