A Fundación Celta recibiu esta semana o Premio Catalejo na categoría Deporte e Saúde. O Observatorio dos Dereitos Humanos de España (ODHE) celebrou o pasado luns 19 de maio a IV edición dos Premios Catalejo no Salón de Pasos Perdidos do Palacio do Senado en Madrid e a entidade celeste tivo o pracer de asistir e ser galardoado polo seu labor durante este curso no ámbito do benestar social.
Os Premios Catalejo son outorgados anualmente polo Observatorio dos Dereitos Humanos de España (ODHE), unha entidade sen ánimo de lucro que promove e recoñece iniciativas destacadas na defensa e promoción dos dereitos humanos en diversas Áreas da sociedade. Estes galardóns concédense a empresas, entidades e persoas que realizaron contribucións significativas en categorías como Empresa, Muller e Igualdade, Medios de Comunicación entre outras. Por iso, é un orgullo que a Fundación Celta entre dentro destes parámetros e reciba tal distinción, que recoñece o traballo do club na promoción de valores e hábitos saudables a través do deporte, así como proporciona un impulso para seguir facéndoo con compromiso social e responsabilidade.
O director da Fundación Celta, Germán Arteta, foi o encargado de recoller este importante recoñecemento en nome de todo o equipo e mostrouse moi agradecido polo apoio ao traballo que realiza neste sentido o club e todas as persoas, entidades e profesionais que colaboran día a día coa Fundación Celta para xerar un impacto positivo na sociedade.