O RC Celta regresou por segundo ano consecutivo ao Máster de Adestradores de Fútbol da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para compartir cos alumnos o método de fútbol base céltico. O responsable de metodoloxía do club, Eduardo Covelo, impartiu o pasado martes un relatorio sobre o sistema de traballo de canteira do RC Celta e as súas particularidades.
A metodoloxía deseñada e implementada na Madroa polos compoñentes do departamento de categorías inferiores célticos converteuse en referencia para o mundo do fútbol, que segue con especial atención a evolución do proxecto do RC Celta.