Rubén, Costas, Yelko e Mina participaron na vitoria ante a vixente campiona de Europa por 4-0
A canteira do Celta protagonizou o once titular da Selección Española Sub-19 ante Serbia. O catro xogadores celestes convocados, Rubén Blanco, David Costas, Yelko Pino e Santi Mina, formaron parte da aliñación inicial no partido disputado este martes en Ciudad Real e contribuíron de maneira destacada á vitoria por 4-0 ante a vixente campioa de Europa.
A extraordinaria confianza depositada polos seleccionadores nacionais nas promesas da Madroa referendan o traballo de fútbol base do Real Club Celta. Dous destes mozos xogadores, Santi Mina e David Costas, pertencen xa ao primeiro equipo do Real Club Celta, un máis, Rubén Blanco xa debutou en competición oficial co conxunto vigués e o cuarto, Yelko Pino, arrincou a tempada co filial céltico con tan só 16 anos de idade.
A canteira celeste nutre de xogadores ao primeiro equipo pero tamén, e cada vez de maneira máis destacada, ás diferentes categorías inferiores internacionais. O proxecto de canteira do club vigués continúa crecendo e fortalecéndose, sempre co sostén da Fundación Celta e o seu incrible labor, así como co apoio e ilusión da afección celeste.