O central céltico, Costas, estréase nunha lista desta categoría nacional
David Costas e Jonny Castro, canteiráns do RC Celta, foron convocados pola Selección Española Sub-21 para o amigable ante Bélxica que acollerá o estadio ferrolán da Malata o vindeiro mércores 12 de novembro.
A David Costas, quen cumpriu 19 anos hai uns meses, chégalle unha gran oportunidade coa Selección Sub-21: “A verdade é que non mo esperaba e estou moi contento por esta convocatoria. Teño moitas ganas de que chegue o partido para ver se me xorde a oportunidade de debutar e gozar de minutos coa selección”.
Tras reiterar que “deume moita alegría, estou moi feliz”, o central celeste celebra tamén a convocatoria de Jonny: “Está moi ben ir cun compañeiro de equipo, iso demostra que o club está a facer un bo traballo coa canteira e alégrome tamén moito por el”.
“Alí atopareime con outros xogadores que coñezo da Sub-19, teño moitas ganas de ir e se pode ser de ter minutos”, engade o canteirán, quen subliña que “Celades estivo moitas veces connosco cando estabamos coa Sub-19, coñéceme ben e esta convocatoria demostra que ten confianza na miña, algo que lle agradezo moito”.
Pola súa banda, Jonny Castro regresa á Sub-21 tras ser convocado nos últimos meses para participar en partidos clasificatorios á Eurocopa. Indica por último que “estou moi feliz por ter continuidade na selección, é sempre unha gran alegría ter esta oportunidade”. Ambos os xogadores coincidiron nun aspecto máis: en felicitar a Nolito pola súa primeira convocatoria coa Selección Española absoluta.
A presenza da canteira céltica nos diferentes niveis da Selección Española continúa consolidándose tempada tras tempada, proba do traballo que vén realizando tanto o club e a Fundación Celta na súa decidido aposta pola canteira. A convocatoria de David Costas e Jonny únese á de Nolito, seleccionado pola absoluta, nun día de alegría e orgullo para a familia celtista.