Ángel Arcos e Hugo Burcio, xogadores do Celta Fortuna, convértense en internacionais tras recibir a primeira chamada da Selección Española Sub-19. Ambos xogadores foron convocados pola Real Federación Española de Fútbol para unirse aos adestramentos do 13 ao 15 de xaneiro co obxectivo de preparar o encontro ante Italia do próximo mércores, 15 de xaneiro, ás 11.30h na Cidade do Fútbol de Las Rozas. Xunto a eles tamén se concentrará co combinado nacional, Óscar Marcos, habitual na convocatoria.
Un importante recoñecemento para os xogadores que esta tempada están a demostrar un rendemento excepcional no filial celeste baixo o mando de Fredi Álvarez. Sen dúbida, o aumento da presenza do RC Celta en convocatorias internacionais pon en valor o continuo traballo que o club realiza co fútbol base e a canteira; piar fundamental e motivo de orgullo para a entidade celeste.
Parabéns, rapaces!