O leonés, segundo adestrador do Celta nas tempadas 2008-2009 e 2009-2010, asina por 2 anos
Un vello coñecido do Real Club Celta, Carlos Hugo García-Bayón, será o director da canteira celeste durante as próximas dúas tempadas. O leonés xa coñece a entidade céltica, na que exerceu de segundo adestrador de Eusebio Sancristán desde marzo de 2009 ata xuño de 2010.
Carlos Hugo é un profesional que destacou ao longo de toda a súa carreira pola súa plena dedicación ao fútbol, os seus amplos coñecementos sobre este deporte e a implementación de novos métodos nos equipos nos que traballou, sempre cunha importante presenza da tecnoloxía.
Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Carlos Hugo comezou a adestrar con tan só 19 anos no Ejido. Tamén foi seleccionador de Castela-León e segundo adestrador do Huesca e máis recentemente do Barcelona B, en Segunda División.