A Fundación recibiu aos canteiráns mexicanos, que xa se instalaron en Vigo
Cinco futbolistas da escola de fútbol do Celta en Campeche terán a oportunidade de adestrar durante tres semanas na Madroa coas categorías inferiores celestes. Esta tarde aterraron en Vigo estes novos valores, de entre 10 e 12 anos, que foron convidados pola Fundación Celta por ser xogadores destacados da escola mexicana do club vigués.
Lenín Humberto Aguilar (2004), Braulio Vieyra (2003), Omar Valencia (2003), Emiliano Díaz (2002) e Jonathan Martínez (2002) realizarán sesións de adestramento individuais polas mañás, mentres que polas tardes uniranse aos adestramentos de equipo.
A súa integración co resto de canteiráns será completa, polo que participarán nos desprazamentos programados nos próximos días para os seus respectivos equipos. É o caso dos dous conxuntos alevíns, que xogarán a Oviedo Cup, e do Infantil B, participante da Copa Santa de Barcelona organizada polo prestixioso Komm Mit International.
Para aproveitar ao máximo a súa estancia e facerlles vivir unha experiencia máis aló do deportivo, o club programou unha serie de actividades lúdicas e culturais para que coñezan Vigo e Galicia. Ademais, o cinco campechanos colaborarán como recogepelotas durante os partidos do primeiro equipo no estadio de Balaídos.
Lenín Humberto, Braulio, Omar, Emiliano e Jonathan xa se instalaron nas súas habitacións da residencia do Colexio Marcote, onde esta tarde recibiulles o seu compatriota e xogador do Celta B Javier Que.