
O Celta Fortuna asinou en Barreiro un empate de enorme valor ante a AD Mérida nun encontro marcado pola sucesión de penaltis e a resistencia dun filial que volveu demostrar a súa personalidade.
Ata catro penas máximas sinalou o colexiado nun choque que terminou sendo de alta voltaxe. O primeiro caeu ao lado celeste. Hugo González transformouno en primeira instancia, pero o lanzamento foi invalidado tras apreciarse un dobre contacto no golpeo. Sen perder a concentración, o atacante volveu asumir a responsabilidade e esta vez si adiantou ao Fortuna desde os once metros. Pouco despois, tivo que retirarse por molestias, sendo substituído por Óscar Marcos.
O festival continuou aos escasos minutos con outro penalti, esta vez, favorable aos estremeños que un colosal Coke Carrillo desbaratou cunha intervención que permitía ao filial celeste irse con vantaxe ao descanso.
Tras o paso por vestiarios, o colexiado volveu sinalar os once metros, novamente a favor do Mérida que errou a súa oportunidade enviando o balón fóra. Este era o inicio dunha segunda metade na que o partido subiu de intensidade e os dous conxuntos loitaban por facerse cos tres puntos. O escenario complicouse coa expulsión por dobre amarela de Capdevila, deixando aos celestes máis de media hora en inferioridade. Lonxe de replegarse, o Celta Fortuna mostrou a súa valentía e mesmo chegou a marcar o segundo tanto nunha acción de estratexia culminada de cabeza por Álvaro Marín, aínda que a xogada foi invalidada. Na acción inmediatamente posterior, os visitantes atoparon o empate nunha das súas poucas aproximacións claras.
Cun menos, o conxunto celeste apelou á orde, ao traballo colectivo e á fiabilidade de Coke, que volveu aparecer con dúas intervencións decisivas para protexer un punto recompensa ao traballo e esforzo de todo o equipo. Aínda así, no engadido, o filial rozou o triunfo nunha falta lateral que obrigou ao gardameta visitante a empregarse a fondo.
O Celta Fortuna suma un punto co que reforza a súa sólida segunda posición na táboa antes de visitar ao Guadalaxara, o vindeiro domingo ás 16:00 horas, no Estadio Pedro Escartín.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Coke; Anxo, Pablo Meixús, Jaime Vázquez (Khayat, min. 68); Pablo Gavián (Nydaye, min. 83), Dela, Capdevila, Jan Oliveras; Bernard Somuah (Ángel Arcos, min. 68), Álvaro Marín (Jorge Pérez, min. 83) e Hugo González (Óscar Marcos, min. 42).
1 – AD Mérida: Csentirics,Javi Lancho, Gio, Chiqui (Dibrani, min. 85), Martín Solar, Hallsson (Doncel, min. 85), Areso (Gomes, min. 85), Sofiane, Beneit (Pipe, min. 83) e Rivas.
Goles: 1-0, min. 36: Hugo González de penalti. 1-1, min. 67: Areso.
Árbitro: Pozueta Rodríguez. Por parte do Celta Fortuna, expulsou a Capdevilla (min. 59) por dobre amarela e amoestou a Pablo Gavián, Álvaro Marín e a Jorge Pérez. Mentres que por parte do Mérida, viron cartolina amarela Lancho, Solar e Hallsson.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de Primera Federación disputado no estadio de Barreiro ante 923 espectadores.