fortuna 3
Celta b

O Celta Fortuna continúa na senda da vitoria tras impoñerse ao Real Unión (3-0)

RC Celta

O Celta Fortuna regresou este sábado a Barreiro, arroupado por centos de celtistas que abarrotaron o estadio municipal, e puideron ser testemuñas do que foi un auténtico recital do filial celeste. Os de Claudio Giráldez asinaron un partido redondo ante un complicado rival como era o Real Unión Club de Irún, que chegaba á cidade olívica segundo na clasificación.

Na primeira metade, os celestes saltaron ao terreo de xogo concentrados, ordenados e coas ideas moi claras. Fieis á súa personalidade, valentes no seu xogo e intensos, apostando por unha presión alta no campo rival, o Fortuna foi de menos a máis e tivo numerosas ocasións para adiantarse no marcador durante a primeira parte.

Os de Giráldez, incansables, buscaban espazos polos que poder superar a unha defensa rival pechada e posicional. O conxunto vasco aguantaba as envestidas celestes, esperando unha oportunidade para ir á contra, e quizá a máis clara que tiveron foi tras un resbalón de Ruly, que esta xornada volvía á titularidade. Tras o tropezón, o excéltico Solís buscou aproveitar o balón que quedaba descolgado, pero un conectado Javi Rodríguez despexábaa contundente para evitar o remate. Así, ambos os conxuntos volvían aos vestiarios co cero a cero no marcador.

A segunda parte, comezou cunha perigosa ocasión que puido equilibrar a balanza a favor dos de Fran Justo. Tívoa Álex Cerdá, que tras rematar só ante o gardameta celeste, lanzaba o balón por enriba da portería. Un aviso que fixo reaccionar inmediatamente aos locais, que en canto empezaron xa non pararon.

Raúl Blanco recibía o balón e enviáballa ao espazo a Javi Rueda, que chegaba pola dereita, e tras un preciso disparo cruzado, poñía o un a cero para o seu equipo no minuto 48.

Apenas cinco minutos despois, a euforia volvía reinar na bancada de Barreiro, cando tras un cañonazo á escuadra desde fóra da área de Fer López, materializábase o segundo gol dos celestes.

E como non hai dous sen tres, o capitán do Celta Fortuna anotou o terceiro para o seu equipo. Tras unha boa apertura a banda de Hugo Álvarez para Alfon, este puxo un preciso centro que Raúl rematou de cabeza e coou na meta de Jon Irazusta.

Tarde redonda para o celtismo, que celebrou a segunda vitoria consecutiva do filial celeste, o cal termina a xornada como cuarto clasificado do Grupo I, coándose nos postos de play-off de ascenso da Primeira Federación.

Aínda queda moita competición por diante, pero os de Claudio Giráldez continúan a súa boa andaina e, xornada tras xornada, achéganse un pouco máis aos seus obxectivos. A próxima fin de semana, os celestes loitarán por sumar, por sexta xornada consecutiva, no campo do Osasuna Promesas, con quen se enfrontará o sábado, 22 de outubro, ás 12:00 h.

FICHA TÉCNICA

3 – RC CELTA FORTUNA: Rully; Javi Rueda, Javi Rodríguez (M. Fernández, min. 69), Yoel Lago, Joel López, Hugo Álvarez; Damián, Miguel Román (Fer López, min. 46); Raúl Blanco (Bruno Iglesias, min. 80), Pablo Durán (Dani González, min. 69) y Alfon González (Tincho, min. 84).

0 – REAL UNIÓN CLUB: Jon Irazusta; Iván Pérez, A. Montoro, Imanol Baz, José Carlos; Oyarzun (Íñigo Muñoz, min. 73), Quique Rivero (Asier Córdoba, min. 73), Ander Vidorreta (Peru Ruiz, min. 60), Alex Cerdá (J. Beobide, min. 60), Alberto Solís y Antón Escobar (Andoni Arzak, min. 88).

Gol: 1-0 Javi Rueda (min. 48); 2-0 Fer López (min. 54); 3-0 Raúl Blanco (min. 65)

Árbitro: Carlos Fernández. O colexiado amoestou a Javi Rodríguez e Fer López por parte do Celta Fortuna, e ensinou tarxeta amarela a Ander Vidurreta do Real Unión Club.

Campo: Campo Municipal de Barreiro

RC Celta

Etiquetas

Celta b

Noticias recomendadas