novo derbi 2
Celta b

O Celta Fortuna conquista Abanca Riazor (0-1)

RC Celta

O Celta Fortuna alcanza a vitoria e imponse ao RC Deportivo no derbi galego que se celebrou na xornada de onte en A Coruña. Non foi un domingo con sorte, foi un domingo no que os celestes demostraron o seu traballo, a súa madurez, sacaron a relucir a súa afouteza e, sobre todo, corazón.

Os de Claudio Giráldez protagonizaron unha gran primeira parte, na que o control e a batuta levouna o conxunto vigués, que fixo que o partido bailase ao compás que eles marcaban. Así, no minuto 33 chegaba o tanto dos celestes, obra do tomiñés Pablo Durán. O dianteiro celeste aproveitaba un rexeite de Ian Mackay para poñer a vantaxe para o seu equipo e celebrar, xunto a eles e os celtistas que se desprazaron ata Abanca Riazor, o gol que decantaría o encontro.

Tras o descanso, o filial celeste plantouse ben no terreo de xogo, dispostos a baixar as revolucións dun encontro que os coruñeses aínda non daban por perdido. Tras os cambios realizados polo técnico deportivista, Imanol Idiakez, o Deportivo saíu máis incisivo a buscar o tanto que lles fixese rescatar, polo menos e con fortuna, un punto.

Con todo, o bo facer do Celta, a súa boa xestión do encontro e da vantaxe, frustrou a tentativa coruñesa, amarrando a vitoria e traéndose os tres puntos deste “Novo Derbi”, como xa se coñece, ata a cidade olívica.

Victoria importante para a Celta Fortuna, que xornada tras xornada segue sumando e ascendendo postos na clasificación dunha competitiva e ardua categoría como é a Primeira Federación.

No próximo encontro, que se celebrará o sábado 14 de outubro ás 17:00 h en Barreiro, o filial celeste recibirá á Real Unión Club de Irun para tratar de seguir na senda da vitoria.

FICHA TÉCNICA

0 – RC DEPORTIVO: Ian Mackay; Dani Barcia (Jaime Sánchez, min. 46), P. Martínez, Pablo Vázquez, Ximo Navarro (Paris Adot, min. 46); José Ángel, Diego Villares (Martín Ochoa, min. 82), Berto Cayarga (Hugo Rama, min. 46); David Mella, Pablo Valcarce (Davo, min. 70) y Lucas Pérez.

1 – CELTA FORTUNA: Coke Carrillo; Javi Rueda, Javi Rodríguez, Javi Domínguez (Javier Piay, min. 87), Joel López (Tincho, min. 62), Hugo Álvarez (De La Iglesia min. 87); Damián, Miguel Román; Raúl Blanco (Yoel Lago, min. 62), Alfon González y Pablo Durán (Bruno Iglesias, min. 72).

Gol: 0-1 Pablo Durán (min.32)

Árbitro: José Pardeiro. O colexiado amoestou a Joel López, Damián e Yoel Lago por parte dos celestes. Por parte do RC Deportivo viron tarxeta amarela José Ángel y P. Martínez.

Incidencias: Encontro correspondente á sétima xornada do Grupo 1 da Primeira Federación, disputado no Estadio Abanca Riazor.

RC Celta

Etiquetas

Celta b

Noticias recomendadas