
O Celta Fortuna impúxose á SD Ponferradina por 2-0 nun partido que os de Fredi Álvarez foron dominando co paso dos minutos. Os goles de Óscar Marcos no 75’ e de Bernard Somuah no 89’ aseguraron tres puntos importantes para o filial celeste, que se mantén invicto en Abanca Balaídos.
A primeira metade tivo pouco ritmo e moitas interrupcións. O Fortuna sufriu na saída de balón e a Ponfe, máis física, forzou varias faltas que remataron en amarelas. Apenas houbo ocasións claras e o máis destacado foi a primeira titularidade de Anthony Khayat.
Tras o descanso, o Fortuna deu un paso adiante e Hugo González avisou nada máis comezar a segunda parte. A Ponferradina respondeu, pero Coke sostivo ao equipo con dúas paradas clave. E cando o encontro parecía máis calmado, Óscar Marcos sorprendeu e abriu o marcador cun gran disparo. Coa vantaxe, e unha Ponfe volcada á procura do empate, Somuah aproveitou os espazos para sentenciar o partido cun golazo.
Este triunfo reforza a liña ascendente do equipo, que pon xa o foco no seu próximo compromiso ante o Real Avilés, onde buscará alongar esta boa dinámica.
FICHA TÉCNICA:
2- Celta Fortuna: Coke; Meixús, Jaime Vázquez, Khayat (Oliveras, min 46); Gavián (Milla, min 46), Antañón (Dela, min 60), Capdevila, Ángel Arcos; Hugo González (Ndiaye, min 82), Marín (Somuah, min 61) e Óscar Marcos.
0 – SD Ponferradina: Ángel, Andújar, Ger Nóvoa (Jorrin, min 78), Boris, Undabarrena, Borje Valle, Xemi (Cortés, min 78), Frimpong (Mula, min 78), Borja Vázquez , Andoni e Diego Moreno (Keita, min 62).
Goles: 1-0, min 75: Óscar Marcos. 2-0, min 89: Somauh.
Árbitro: Daniel Clemente (Canario). Mostrou cartón amarelo a Khayat e Hugo González por parte dos locais; e a Undabarrena, Valle, Vázquez e Moreno por parte dos visitantes.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 13 de Primera Federación disputado en Abanca Balaídos ante 1013 espectadores.